A Spice Girl Mel B, en rehabilitación pola súa adicción ao sexo e o alcol

A cantante británica sofre estrés postraumático, diagnosticado tras a súa separación do produtor Stephen Belafonte

Mel B. INSTAGRAM
photo_camera Mel B. INSTAGRAM

A cantante Mel B, excomponente das Spice Girls, non atravesa o seu mellor momento. A británica anunciou que vai entrar nunha clínica de rehabilitación para facer fronte ás súas adiccións ao sexo e ao alcol.

"Tomei a decisión de entrar nunha terapia adecuada nas próximas semanas", revelou a cantante nunha entrevista no diario británico The Sun, onde confesou que os últimos meses foran "incriblemente difíciles" para ela.

A artista tamén recoñeceu que, máis aló das adiccións, tamén foi diagnosticada de estrés postraumático despois da súa relación e complicada separación do produtor de cine Stephen Belafonte, ao que acusou de malos tratos, de obrigala a facer tríos e de extorsionala con vídeos sexuais.

"Ás veces é duro lidar con todas as emocións, pero o problema nunca estivo no sexo ou o alcol, está debaixo de todo iso", afirma Mel B, que actualmente exerce de xurado en America's got talent.

A británica, de 43 anos, fixo pública a súa situación para axudar a outras persoas que pasen polo mesmo. "Aínda estou a loitar, pero se podo arroxar luces sobre o tema da dor, o trastorno de estrés postraumático e as cousas que homes e mulleres fan para enmascaralo, fareino", asegura.