Rodrigo Vázquez, periodista

"Son o mesmo diante da cámara que comprando o pan no súper"

O presentador ourensán é o novo condutor de ‘El cazador’, o concurso de Televisión Española. Antes estivo traballando na Televisión de Galicia durante 14 anos, á cabeza de programas como ‘Aquí Galicia’, ‘Oh happy day!’, ‘Quen anda aí’ ou ‘Ti verás’. O seu labor foi recoñecido con dous premios Mestre Mateo.
Rodrigo Vázquez. EP
photo_camera Rodrigo Vázquez. EP

Rodrigo Vázquez (Ourense, 1987) marchou da TVG para substituír a Ion Aramendi como presentador de ‘El cazador’, da 1 de TVE. Pero o ourensán, despois de 14 anos na autonómica, non pecha a porta a regresar á Televisión de Galicia.

Como reaccionou cando lle propuxeron presentar ‘El cazador’?
A pesar de que foi todo moi rápido, tamén foi un pouco gradual. A primeira chamada foi para comentarme a baixa de Ion, e ben, fixemos unha proba na que participaron moitos presentadores e, ao final, o elixido fun eu. Pero verdade é que a miña reacción foi de ilusión porque se fixaran en min, porque estiveran pendentes do que facía eu na Televisión de Galicia e porque xa me seguiran a pista polo traballo dos últimos anos. Un pouco de orgullo si que notei, orgullo de que o traballo estaba ben feito.

Sentiuse presionado ao entrar de forma tan repentina? 
Presión ningunha. As circunstancias que pasaron nesta ocasión coa marcha de Ion, así a metade de temporada, pois esixían unha solución un pouco máis rápida, pero non, non presión. Para min foi unha oportunidade. A dicir que non, tes tempo; por iso non me sentín para nada presionado, pero si motivado, porque o reto era e segue sendo moi bonito.

Falaba agora de Ion Aramendi, que consellos lle deu para presentar o programa?
Chameino a primeira ou segunda semana, pedinlle o teléfono aos compañeiros do equipo. Parecíame absurdo que el ía saber quen era eu. Eu sabía quen era el, é normal que nos seguíramos a pista polas circunstancias, e dixen, non quero que nos atopemos pola rúa ou nunha gala e non ter falado. Entón chameino e moi ben, díxome que o equipo era fantástico, que fora tranquilo, que confiara moito nel, e só tivo boas palabras para todos os meus compañeiros. A verdade é que teño un equipo que é unha absoluta envexa e unha marabilla a todos os niveis.

Logo de estar traballando 14 anos en galego, traballar en castelán non é que me coste, pero si é diferente

Síntese cómodo no programa?
Si, desfrutando moito de cada gravación, xa con ganas de gravar a nova temporada, e agora xa collendo aire e cargando pilas para volver aínda con máis ganas. Cando estás nun programa a gusto, o pasas ben e desfrutas do día a día, o botas en falta aínda que esteas de vacacións. Que se está ben de vacacións, pero para min ir ao traballo non é un traballo, é como un hobby polo que me pagan, por
sorte.

E como recibiron a súa marcha na TVG? 
A sensación era compartida un pouco por todos, me animaron e me felicitaron pola noticia cando llela comuniquei. O que si falamos é que, para a Televisión de Galicia, posicionarse como unha canteira de talento no ámbito estatal tera algo positivo. E a verdade é que me puxeron as cousas sempre moi fáciles. As portas quedaron abertas, por suposto; a Televisión de Galicia é a miña casa e seguirá sendo a miña casa, e se nun futuro podemos colaborar nalgunha cousa e compatibilizar proxectos, por min encantadísimo. 

Que diferenzas apreza entre traballar na televisión autonómica e na nacional?
A principal é o idioma, aínda que é a máis obvia, pero logo de estar traballando 14 anos en galego, traballar en castelán non é que me coste, pero si é diferente. Do resto non é tanta a diferenza; hai diferenza nos orzamentos, nalgunhas formas de traballar, pero o fundamental é o mesmo. Podes ter máis ou menos recursos, pode haber máis ou menos talento, pero a intención de comunicar, entreter, e sobre todo de facelo en clave de servizo público son claves, e que tanto Televisión Española como a Televisión de Galicia comparten. Foi un gran cambio, pero tampouco tanto.

Que é o que máis lle gusta de estar en ‘El cazador’?
Que estou nun concurso, que sempre me encantaron, xa dende que fixen o ‘Ti verás’. Os concursos gústanme moito porque coñeces día a día a concursantes, abres a porta a xente que te ve dende a casa, é moi gratificante. E o de estar neste, que o formato é delicioso e teño un equipo que me permite aprender del día a día.

Eu non sei se teño cualidades ou non, o que intento sempre é ser eu mesmo

Aparte de presentar ‘Ti verás’ tamén presentou ‘Aquí Galicia’ ou ‘Quen anda aí?’. Que rexistro prefire?
En todos aprendes e en todos colles cousas. Eu a verdade non é que me sinta incómodo en ningún programa dos que fixen, e creo que todos me axudaron a ir formándome como profesional e a ir puíndo novas caras e cambiando o meu rexistro. Todos me achegaron algo; tanto os directores que fun vendo, os equipos, os profesionais, e creo que todos me foron formando como mellor profesional.

Hai algún programa dos que participou na TVG ao que lle teña un cariño especial?
Todos son especiais. O ‘Aquí Galicia’ por ser o primeiro, e polas persoas que confiaron en min no inicio, que é cando máis complicado é. ‘Oh happy day’ para min foi un gustazo. Ao ‘Ti verás’ gárdolle moitísimo cariño, o primeiro Mestre Mateo conseguino co ‘Ti verás’... É como coller entre mamá e papá tendo sete mamás e papás.

Recibiu dous Mestre Mateo. Como galardoado e persoa recoñecida como bo comunicador, hai algún comunicador que admire?
Tiven a oportunidade de traballar con grandes como Gayoso e como Roberto Vilar aquí en Galicia, e medrei vendo outros grandes referentes da televisión nacional, de concursos, de todos eles vas collendo cousas. Pero si, Roberto Vilar, Constantino Romero, Jordi Hurtado agora mesmo... son todo grandes tipos con grandes traxectorias nos que creo que os máis novos si que se poden inspirar.

Que cualidades cre que ten como presentador, que o define?
Eu non sei se teño cualidades ou non, o que intento sempre é ser eu mesmo. A ser nós mesmos ninguén nos pode gañar, entón o que intento é comportarme como son, e o que ve o espectador diante da cámara é o que ven detrás da cámara se me ven un día comprando pan ou facendo a compra. A naturalidade é fundamental, e intento ser natural e sobre todo facer un traballo sincero e honesto co espectador, especialmente traballando nunha televisión pública. A naturalidade, a honestidade co espectador e o ser un mesmo son tres piares do meu ideario, por dicilo así.

Comentarios