Estas son as galegas máis influentes, segundo Yo Dona

Marta e Sandra Ortega, Nadia Calviño ou Ana Pardo de Vera son algúns dos nomes que destacan no ranking

Julia Otero. AEP
photo_camera Julia Otero. AEP

A revista Yo Dona elaborou un ranking coas 500 mulleres máis influentes de España, entre os que destacan artistas como Aitana Ocaña ou Penélope Cruz, políticas como Andrea Levy ou Ada Colau, empresarias do talle de Ana Patricia Botín e comunicadoras como Pepa Bueno ou Ana Pastor.

Nesa lista publicada recentemente hai un bo número de galegas. Moitas están ligadas ao mundo da moda, como as irmás María e Uxía Domínguez, fundadoras de Bimba e Lola e sobriñas de Adolfo Domínguez, ou Tiziana Domínguez, filla do deseñador ourensán e unha das cabezas visibles da firma téxtil. 

Tamén aparecen Marta Ortega e a súa irmá Sandra, fillas ambas do fundador de Inditex, ou Purificación García e Pili Carrera, todas vinculadas dunha ou outra forma á moda.

Da esfera política aparecen a actual ministra de Economía, a coruñesa Nadia Calviño, a pontevedresa Ana Pastor, actual presidenta do Congreso, ou a tamén veciña da Boa Vila Xiana Méndez, secretaria de Estado de Comercio.

No mundo da comunicación destacan a monfortina Julia Otero e a lucense Ana Pardo de Vera, directora de Público, mentres que tamén ten sitio unha científica como a bióloga Marisol Soengas, nada en Agolada.

Comentarios