Sánchez Vicario derrúbase falando da traizón da súa familia

Arantxa Sánchez Vicario, que hoxe presentou en Barcelona as súas memorias, acusou aos seus pais no seu libro autobiográfico, de dilapidar os aproximadamente 45 millóns de euros que gañou nos seus dezasete anos de carreira.

"¡Vamos!", o berro de guerra de Arantxa que tamén dá título ao seu libro, non só repasa a carreira tenística da ex número un mundial, a súa infancia e a súa adolescencia, senón a difícil relación familiar cos seus proxenitores que, segundo ela, a levaron á ruína.

"O mazazo que recibín nos últimos meses serviume para espertar e vivir o peor pesadelo posible. Aínda non son capaz de entender que me está sucedendo: que todo polo que loitei, que todo o que conseguín, desapareceu. Dinmo e non mo podo crer. ¿Como é posible que todo o conseguido en tantos anos desapareza, non exista? Estou convencida de que non pode ser certo", afirma no libro.

En ¡Vamos! (A esfera dos libros), Arantxa narra sen andrómenas a agora inexistente relación cos seus pais e irmáns, os seus problemas con Facenda ou o seu feliz matrimonio co empresario Josep Santacana, co que tivo dous fillos.

"En canto coñecín ao que hoxe é o meu marido e pai dos meus fillos Arantxa e Leo, toda a familia puxo de novo en marcha os mecanismos que conseguiran romper as miñas relacións anteriores (...) Segundo, eles, ningunha das persoas que se achegaron a min era o suficientemente boa para que eu puidese manter unha relación de afecto ou simplemente amizade", sinala.

Aos seus pais bótalles en cara ter unha actitude tan protectora con ela que acabaron por anular a súa personalidade: "Desde o primeiro momento en que se albiscou a posibilidade de que chegase a ser xogadora profesional, os meus pais estiveron obsesionados con controlalo todo (...) Opinaban absolutamente de todo, ata das cuestións máis nimias".

Arantxa pon moitos exemplos diso, como a vez que lle propuxo ao seu irmán Emilio -"era o meu heroe e o espello no que mirarme profesionalmente", confesa- ser a súa socia na academia de tenis que abrira no Prat de Llobregat: "A resposta do meu pai foi unha rotunda negativa, e tanto para o meu irmán como para min foi un enorme desgusto".

"Non podo evitar pensar canto me equivoquei ao non ser máis autosuficiente en todo o que concierne á miña carreira", escribe a menor dos Sánchez Vicario, quen se define como "a vítima e a enganada" e non como a mala filla que outros queren facer ver.

A mellor tenista española de todos os tempos asegura que romper a relación con toda a súa familia supúxolle "un gran sufrimento", pero que o fixo "por saúde mental" e para poder "refacer" a súa vida.

"Non sinto resentimento nin son capaz de odiar a ninguén, pero tampouco podo ser unha hipócrita e seguir finxindo que non pasa nada: o que sucedeu é moi gordo, moi grave e afecta a toda a miña familia, aos meus plans de futuro, á posibilidade de poder facer unha vida normal", conclúe Arantxa Sánchez Vicario, que emprendeu accións legais contra os seus proxenitores para recuperar o que considera que lle pertence.

Comentarios