Ronnie Wood revela que superou un segundo cancro no confinamento

O músico fora diagnosticado dun tumor no pulmón en 2017, xurdíndolle posteriormente un de células pequenas
Ronnie Wood. GUITARS EXCHANGE
photo_camera Ronnie Wood. GUITARS EXCHANGE

O veterano músico británico Ronnie Wood, dos Rolling Stones, foi diagnosticado de cancro, por segunda vez, durante o confinamento pola pandemia no Reino Unido, aínda que xa o superou, segundo informa este luns o tabloide The Sun. En declaracións das que hoxe se fan eco o resto de medios locais, o guitarrista, de 73 anos, explica que sufriu un novo cancro de células pequenas -pois xa superou outro hai catro anos- do que xa se curou.

"Tiven cancro de dous xeitos diferentes. Sufrín un cancro de pulmón en 2017 e tiven un de células pequenas máis recentemente co que batallei no último confinamento", revelou o músico. Wood sinala que atribúe o desenlace da enfermidade (positivo) a un "poder superior", un concepto ao parecer acuñado polas organizacións Alcohólicos Anónimos e Narcóticos Anónimos, segundo recorda o citado tabloide.

"Todo o que podo facer é estar positivo coa miña actitude, ser forte e loitar, e o resto depende dun poder superior", comentou o guitarrista. Tras o primeiro diagnóstico de 2017, Wood admite que chegou a preguntarse se chegara "a hora de dicir adeus" á súa familia, a súa esposa Sally Humphreys e as súas fillas xemelgas de catro anos, Gracie Jane e Alice Rose. Tamén explicou que coñeceu o diagnóstico ao someterse a un test rutineiros, cando o médico lle preguntou se querería facerse probas "máis profundas" no corazón, nos pulmóns e no sangue. "E logo tróuxome a noticia de que tiña esta supernova queimando o meu pulmón esquerdo. E, se son totalmente honesto, non me sorprendeu", recordou o músico. 

Comentarios