Mette-Marit de Noruega padece fibrose pulmonar

A princesa reducirá a súa axenda oficial por mor da enfermidade

Mette-Marit de Noruega. LISE ASERUD
photo_camera Mette-Marit de Noruega. LISE ASERUD

A princesa Mette-Marit de Noruega, esposa do príncipe herdeiro Haakon, foi diagnosticada con fibrose pulmonar, segundo informou a Casa Real deste país nórdico.

Mette-Marit, de 45 anos, padece unha enfermidade pulmonar crónica "que podería limitar o cumprimento do seu programa oficial durante algúns períodos", consta no comunicado.

Trátase dunha variedade "pouco común" de fibrose, diagnosticada logo de ser sometida a varias probas, sinalou o seu médico persoal, Kristian Bjøro, do Hospital do Reino de Oslo. Os médicos non pescudaron aínda se é parte dun proceso de enfermidade autoinmune máis amplo ou se hai outras causas para os cambios pulmonares.

"Durante algúns anos tiven problemas de saúde e agora sabemos o motivo. Isto fará que a miña capacidade de traballo varíe. O príncipe e eu decidimos informar porque, de agora en diante, pode ser necesario planear períodos sen actividades oficiais", dixo Mette-Marit no comunicado.

O tratamento realizarase no Hospital do Reino e en colaboración con médicos do estranxeiro, sinalou a Casa Real, que resalta que ao ser diagnosticada a enfermidade nun estadio temperán, o prognóstico é "favorable".

"Aínda que un diagnóstico como este suporá limitacións na miña vida, estou contenta por que a enfermidade sexa detectada axiña que. O meu obxectivo é seguir traballando e participar no programa oficial tanto como sexa posible", dixo a princesa.

Comentarios