Morre o gran duque Juan de Luxemburgo

O anterior xefe do Estado de Luxemburgo fora hospitalizado o 13 de abril por unha infección pulmonar

Juan de Luxemburgo. CHRISTOPHE KARABA (EFE)
photo_camera Juan de Luxemburgo. CHRISTOPHE KARABA (EFE)

O gran duque Juan de Luxemburgo faleceu aos 98 anos, segundo anunciou este martes o seu fillo o gran duque Enrique. "Con gran tristeza comunícolles o falecemento do meu amado pai, a súa alteza real o gran duque Juan, que nos deixou en paz, rodeado do agarimo da súa familia", indicou o gran duque Enrique nun comunicado.

O anterior xefe do Estado de Luxemburgo fora hospitalizado o 13 de abril por unha infección pulmonar e o seu estado de saúde empeorou o pasado sábado, informou o diario L'Essentiel.

Da dinastía Nassau, o gran duque Juan ocupou o trono de Luxemburgo durante 36 anos, entre 1964 e 2000, cando abdicou en favor do seu fillo maior, o gran duque Enrique.

O seu nacemento o 5 de xaneiro de 1921 no castelo de Berg foi froito da unión da gran duquesa Carlota e do príncipe Félix de Borbón de Parma.

O 9 de abril de 1953 casou coa princesa Josefina Carlota de Bélxica, quen faleceu en 2005, e era a irmá maior do rei Balduino e o rei Alberto II.

O gran duque Juan e a súa esposa tiveron cinco fillos: a princesa María Astrid; o actual gran duque de Luxemburgo, Enrique; o príncipe Juan; a princesa Margarita, e o príncipe Guillermo.

Comentarios