Juanjo Cardenal xubílase e Elisenda Roca será a voz de 'Saber y Ganar'

A histórica "voz en off" do programa de TVE xubílase aos 71 anos logo de 24 sendo unha das pezas máis importantes do concurso
Juanjo Cardenal y Elisenda Roca. TWITTER @RTVECatalunya
photo_camera Juanjo Cardenal e Elisenda Roca. TWITTER: @RTVECatalunya

Juanjo Cardenal, a histórica "voz en off" do programa de Televisión Española (TVE) 'Saber y Ganar' xubílase aos 71 anos logo de 24 sendo unha das pezas máis importantes do concurso que presenta Jordi Hurtado, e o seu posto será ocupado a partir do próximo xoves pola xornalista Elisenda Roca.

Cardenal foi durante todo este tempo unha das voces máis emblemáticas de TVE. El era o encargado de abrir cada día o programa máis lonxevo da televisión en España e tamén quen formulaba as preguntas e resolvíaas no caso de que os concursantes non desen coa resposta correcta.

O "sabio" ou o "invisible", como se lle coñece tamén, pon fin así a unha carreira impecable, marcada, precisamente, pola súa inconfundible voz e que tivo en 'Saber y Ganar' o seu punto álxido, aínda que tamén habería que recordar a súa colaboración en 'Si lo sé no vengo', un concurso que se emitiu en TVE entre 1985 e 1988 e que tamén foi presentado polo "inmortal" Jordi Hurtado

A pesar de que o propio Cardenal foi dando pistas durante os últimos días a través das redes sociais, a noticia confirmouse este domingo en 'No es un día cualquiera', o magacín radiofónico de Radio Nacional que presenta Carles Mesa, onde tamén se deu a coñecer que a encargada de substituílo como a nova voz de 'Saber y Ganar' será a xornalista Elisenda Roca.

Roca é, aos seus 58 anos, unha profesional todo terreo. Ademais de presentar o emblemático 'Cifras y Letras', polo que recibiu unha Antena de Ouro en 1994, a xornalista catalá tamén traballou en Antena 3, na televisión autonómica TV3, fixo ademais radio, dirixiu obras de teatro, é autora de varios libros, profesora universitaria e realiza dobraxe de cine e publicidade.

Ten, xa que logo, ampla experiencia e tamén unha voz moi característica para emprender agora esta nova andaina profesional, na que se estreará o próximo xoves, 22 de xullo, na sobremesa da 2 de TVE.

"Elisenda Roca é unha crack de moito coidado. Que sorte temos de tela. Eu só poño a alfombra... o demais o porá ela para o noso deleite. Elisenda... todo teu co meu agarimo e admiración", sinala o propio Juanjo Cardeal a través das redes sociais.

Comentarios