Jordi Sánchez di que o peor da UCI foi crer que o seu fillo morrera

O actor estivo durante 24 días en coma inducido
Jordi Sánchez. EFE
photo_camera Jordi Sánchez. EFE

O actor Jordi Sánchez, que estivo 24 días en coma inducido na UCI por mor da covid-19, explicou este sábado que o peor daquel período de tempo foron as alucinacións que sufriu, que lle fixeron crer que un dos seus fillos morrera.

Nunha entrevista no programa O Suplement de Catalunya Ràdio, o protagonista da serie La que se avecina detallou como viviu eses 24 días intubado na unidade de coidados intensivos, agora que leva xa dez días na súa casa de Barcelona recuperándose do todo do virus.

"Logo de 24 días en coma inducido, cando me espertaron non podía nin camiñar nin facer nada, nin sequera escribir. Aos dous días xa escribía e aos catro xa camiñaba", sinalou o actor. As alucinacións que sufriu durante os días en coma foron para el os momentos máis difíciles porque creu que un dos seus fillos morrera e incluso recorda estar preparando os papeis para o seu enterro.

"Vivín nun mundo paralelo durante eses 24 días. Foi terrible. Estaba tan drogado que pensaba que todo aquilo era certo. As alucinacións son máis fortes que os soños. Esperteime súper triste e cando me dixeron que non estaba morto púxenme a chorar", explicou.

Sánchez cre que se debeu contaxiar da covid-19 durante a rodaxe dunha película e sinala que, aínda que se lles facían probas moi frecuentes para detectar o virus, sempre existe un risco e os actores están máis expostos porque teñen que traballar sen máscara. 

Comentarios