John Cleese, decepcionado co Reino Unido e o Brexit, muda ao Caribe

O que fora integrante do grupo cómico Monty Python non quere seguir no Reino Unido

John Cleese. AEP
photo_camera John Cleese. AEP

O que fora integrante do grupo cómico Monty Python John Cleese está decepcionado co Brexit, co Reino Unido e cos medios de comunicación, motivos polos que mudará a unha illa do Caribe en novembro, segundo adiantou nun programa da BBC. O humorista asegurou que xa está "a facer plans" para irse do Reino Unido en novembro xa que está "moi decepcionado" con moitas "cousas" do seu país.

A súa "pelexa particular" é cos xornais e mencionou a súa implicación para conseguir unha reforma na prensa despois das escoitas ilegais de News of the World en 2011. Pero as propostas para regular os medios lexislativamente foron rexeitadas por gobernos "de dereitas", explicou.

Esa foi a primeira razón que o levou a pensar en mudarse a outro lugar, á que posteriormente se uniu "o nivel de debate" que houbo ao redor do Brexit -o referendo celebrado en xuño de 2016 sobre a saída do país da UE-. Cleese cualificou o Brexit de horrible e asegurou que o debate xerado foi "desesperante".

Na súa opinión houbo "mentiras espantosas" por parte da dereita sobre temas como o diñeiro que chegaría ao servizo nacional de saúde -NHS, nas súas siglas en inglés- así como as "habituais tácticas do medo" durante toda a campaña.

Inquirido sobre que votarían no referendo do Brexit os seguidores dos Monty Python -o grupo cómico inglés que comezou cunha serie na BBC a finais dos 60-, o actor respondeu que non sabía. "Si que sei que Monty Python é máis popular en América que aquí (...), porque a BBC non o programou nos últimos 17 anos para non ter que comparalo coa comedia moderna", aseverou, á vez que deu a entender que non se poden considerar programas de humor os que actualmente emite a cadea británica.

Sobre as diferenzas entre o sentido do humor británico e o estadounidense, o intérprete opinou que no medio oeste e o sur de EE.UU. "os votantes de George W. Bush -presidente entre 2001 e 2009-, basicamente" non teñen "sentido da ironía". "Parece que dis que son un pouco máis estúpidos", matizou a presentadora, ao que o inglés contestou que "si", aínda que precisou que "pouco imaxinativos" sería unha descrición máis precisa.

E sobre a súa mudanza ao Caribe, avanzou que o seu desexo é asentarse en Neves, "unha das illas máis bonitas onde nunca estiven". "A relación entre as razas é magnífica, a xente é moi amable, o sistema de educación é o antigo británico, os nenos e adultos están moi ben educados", indicou sobre a que será a súa nova casa a partir de novembro.

Comentarios