A esposa de Bill Cosby sae en defensa da súa inocencia e critica a xustiza

Camille Cosby cre que o seu marido foi declarado culplable "sobre unha base irreflexiva e inconstitucional propagada polos medios"

Bill Cosby. EFE
photo_camera Bill Cosby. EFE

Camille Cosby, esposa do cómico Bill Cosby, declarado recentemente culpable de tres delitos de agresión sexual, defendeu este xoves a inocencia do seu marido e criticou duramente ao sistema xudicial estadounidense, ás mulleres que o acusaron e o trato dos medios de comunicación. "Unha vez máis, unha persoa inocente foi declarada culpable sobre unha base irreflexiva e inconstitucional propagada polos medios e permitida nun suposto tribunal de xustiza", sinalou Camille Cosby nun comunicado enviado aos medios.

A muller, que leva casada co coñecido actor desde hai 54 anos, comparou o caso do seu marido con outros homes de raza negra que foron acusados falsamente no pasado de violar mulleres brancas. "Isto é xustiza mafiosa, non xustiza real. Esta traxedia debe desfacerse non só para Bill Cosby, senón tamén para o país", engadiu a esposa do cómico.

A canadense Andrea Constand, cuxo caso foi fallado a semana pasada en contra de Bill Cosby, e outras mulleres que acusaron ao cómico de abusar sexualmente delas entre os anos 1960 e 2000 foron tamén fortemente criticadas pola esposa, que as tachou de "mentireiras". "Creo firmemente que o testemuño recente (de Constand) durante o xuízo foi perxurado. Como se demostrou no xuízo, non contou con ningunha evidencia e estivo infestado de innumerables e deshonestas contradicións", sinalou Camille.

Doutra banda, censurou a cobertura mediática do caso do seu marido desde o ano 2014 e dixo que o trato dos medios violou a quinta e a décimo cuarta emenda da Constitución estadounidense, que protexen o dereito a ter un debido proceso xudicial e á protección igualitaria. "Bill Cosby foi etiquetado como culpable porque os medios e os acusadores dixérono... Punto", escribiu.

Os delitos polos que foi declarado culpable o actor a semana pasada son penetración sen consentimento, penetración mentres se está inconsciente e penetración tras a subministración dun estupefaciente.

Máis de 60 mulleres acusaron a Bill Cosby de abusar sexualmente delas entre os anos 1960 e 2000, aínda que eses casos non prosperaron por prescribir e só se levou a xuízo o fallado o 26 de abril, polas acusacións da canadense Costand.

Comentarios