'El Jueves' non perde o humor polo Nadal

eljueves_nadal_dentro.jpg
photo_camera eljueves_nadal_dentro.jpg

A El Jueves non se lle esgota o sentido do humor e menos polo Nadal. A revista satírica enviou aos medios de comunicación unha irónica felicitación destas festas, protagonizada por dous 'personaxes anónimos' que lembran á caricatura dos Príncipes de Asturias que lle valeu o secuestro da publicación.

Na imaxe pódese ver parte do debuxo da polémica portada, só que os dous protagonistas levan a cabeza cuberta por cadanseu gorro vermello de Papá Noel. A revista rise deste xeito das súas propias desgracias, lembrando o episodio no que unha portada satírica lles custou un proceso xudicial e unha multa de 3.000 euros para cada un dos autores da viñeta.

Unha caricatura que custou 6.000 euros
O pasado mes de xullo, a revista satírica publicou na súa portada unha caricatura dos Príncipes de Asturias practicando sexo baixo un titular que facía alusión ás axudas de 2.500 euros por neno anunciadas polo Goberno. O xuiz da Audiencia Nacional, Juan del Olmo, prohibiu a venda dese número da revista e ordenou a súa retirada dos quioscos por un delito de inxurias contra a Coroa española.

A polémica levantada por esta decisión xudicial provocou que a portada se estendese como un regueiro de pólvora pola rede, e a noticia, na maioría dos casos acompañada de imaxe, apareceu en multitude de medios de comunicación xeralistas e bitácoras persoais.

Os autores da caricatura, Manel Fontdevila e Guillermo Torres, foron declarados culpables de inxurias ao Herdeiro da Coroa e condenados a pagar unha multa de 3.000 euros cada un, a metade dos 6.000 euros por cabeza que pedía o fiscal.

O caso da portada aínda está nos tribunais, xa que a revista recurriu a sentenza que obriga aos autores a pagar a multa. Os avogados de Fontdevila e Torres tamén solicitan a nulidade e repetición do xuízo, argumentando que non foron aceptadas varias probas aportadas pola defensa.

Comentarios