'El Hormiguero', líder de audiencia coa volta de Isabel Preysler a televisión

A viúva de Miguel Boyer quitoulle a cadeira a Pablo Motos e sentou no seu lugar para poder mostrar o seu "lado bo"
Isabel Preysler este martes en El Hormiguero
photo_camera Isabel Preysler este martes en El Hormiguero

Tras 20 anos afastada da televisión, Isabel Preysler volveu visitar este martes un plató. O programa elixido foi El Hormiguero, que coa súa visita logrou bater marcas de audiencia, ao alcanzar un 19,4% de share e seis millóns de espectadores.

A pesar dos anos de ausencia nos platós, a viúva de Miguel Boyer demostrou desde o inicio da entrevista que segue dominando o medio televisivo. Así, por primeira vez na historia do programa, un entrevistado conseguiu quitarlle a cadeira a Pablo Motos. 

"¿Por que che gusta máis ese lado?", preguntoulle o presentador. "Porque teño mellor este que este", afirmaba Preysler. Segundo explicou, deuse conta de que ese era o seu perfil máis favorecedor ao separarse de Julio Iglesias. "Sempre me colocaba no meu lado malo. En todas as fotos que vía desa época estaba pepona", confesou.

Durante a entrevista a Preysler tivo ocasión de falar dos seus fillos, Julio, Enrique e Tamara. Admitiu que "é difícil que haxa oco no mercado para as tres Iglesias" e confesou que a Julio "non lle importa ter menos éxito" que ao seu irmán, "porque lle apaixona a música".


Tamén falou da ocasión na que Tamara lle confesou que quería converterse en monxa. "Cando mo dixo
 eu brindeille todo o meu apoio e ofrecinme a buscar un convento. Entón ela cambiou radicalmente de opinión", explicou. "Joé, con que rapidez queres librarte de min. Quedo aquí de momento", díxolle entón Tamara.

A invitada tamén desvelou os seus segredos de beleza, que inclúen tomar un batido cada mañá con seis verduras e dúas froitas, non consumir nada de azucre branco nin manteiga, algo de ximnasia diaria e varias pastillas diarias de vitaminas e coláxeno. Iso si, os venres non hai normas. E é que segundo explicou, reúnese unha vez á semana coas súas amigas para ver películas e comer todo o que lles apeteza: desde hamburguesas e patacas fritidas a tortas de chocolate. 

Isabel Preysler tivo na entrevista un emotivo recordo para Miguel Boyer, "a historia de amor máis importante da miña vida", asegurou.

Comentarios