O 45% das mulleres prefire o sexo ao diñeiro

O 45,3% das españolas de entre 16 e 64 anos prefire ter problemas económicos e unha vida sexual satisfactoria, fronte ao 43% das mulleres da mesma idade, que asegura que na súa vida prima o diñeiro sobre o sexo. Así o pon de manifesto o 'I Estudo Ring: calidade sexual e anticoncepción das mulleres en España', promovido polo Círculo de Estudos en Anticoncepción e realizado por Sigma Dos mediante entrevistas telefónicas a un total de 3.171 españolas de entre 16 e 64 anos en outubro e novembro do 2009.

O traballo, presentado este mércores en Madrid, pon tamén de manifesto que o 84,7% das enquisadas considéranse "satisfeitas" coa calidade das súas relacións sexuais, que, aseguran, se son boas, melloran notablemente a saúde e a calidade de vida das persoas. Será por iso que o 74% das mulleres entrevistadas cualifican de moi "boa" ou "bastante boa" a súa calidade de vida e din estar máis satisfeitas coas súas relacións sexuais que co seu traballo e coa súa situación económica.

Anticonceptivos
Con respecto ao uso de métodos anticonceptivos, a análise sinala que o 49% das entrevistadas afirma que teñen "bastante ou moita" influencia na calidade das relacións sexuais, algo que para Esther de la Viúda, presidenta da Sociedade Española de Contracepción, débese á comodidade e seguridade que ofrecen a maioría deles.

En canto aos anticonceptivos reversibles utilizados nas relacións das mulleres, o traballo indica que os máis usados seguen sendo o preservativo (35%), a pílula (18%) e o DIU (6%). Sexa un ou outro o método utilizado e estable ou esporádica a relación, o informe revela que o 65% das mulleres en idade fértil elixe o anticonceptivo coa súa parella, mentres que o 27% decide en solitario.

Como sinalou na presentación do traballo Iñaki Late, xefe do Servizo de Ginecología do Hospital Santiago Apóstolo de Vitoria, "chama a atención" que só o 4,4% das entrevistadas diga coñecer a pílula poscoital como anticonceptivo de urxencia.

Os datos indican tamén que as españolas piden aos anticonceptivos que sexan eficaces, fáciles de usar, que permitan manter a espontaneidade nas relacións sexuais e que non haxa que recordar a súa toma. Desde esta perspectiva, o 58% delas ve como "ideal" o método de uso mensual, mentres que para o 26% e para o 11% a utilización perfecta sería a esporádica e a diaria, respectivamente.

Comentarios