Dragó mestura política e sexo

O escritor asegura nunha entrevista que "as mulleres de dereitas follan mellor" porque ás de esquerdas só lles preocupa "salvar o mundo"

drago
photo_camera Fernando Sánchez Dragó. EFE

Non pasou desapercibida a última entrevista concedida polo escritor Fernando Sánchez Dragó a unha xornalista de El Español, o diario dixital que dirixe Pedro J. Ramírez. E é que deixou un bo número de perlas. Algunhas delas: "As mulleres de dereitas follan mellor; as de esquerdas cren que están a salvar o mundo", "soñei con darlle polo cu a Lenin" e "claro que tiven relacións homosexuais; como non cos anos que teño". De todos os xeitos matiza que a el os homes non lle atraen e que a súa afirmación hai que entendela nun contexto de sexo compartido con varias persoas e de intercambio de roles.

O controvertido autor, que nunca rexeita a polémica, recoñece que non é unha persoa fiel desde o punto de vista sexual e que intenta facer o amor con cabeza, pondo sempre imaxinación. "Unha muller ben follada non desfallece nunca: o outro día deille a unha 15 orgasmos en 5 horas", presume ao longo da 'picante' conversa, na que con todo nega ser un atleta sexual.

Sen pudor e sen complexos, Dragó aborda case todos os temas relacionados co erotismo e a súa hiperactiva vida sexual. Só evita falar do seu peor coito, que foi, segundo relata, cunha muller moi coñecida que naquel momento non contaba coa debida experiencia na cama. Ante a insistencia da xornalista, négase a revelar o seu nome ou calquera detalle sobre a relación, porque, ante todo, considérase "un cabaleiro".

O veterano autor e expresentador de televisión, de 82 anos, confesa que as pernas e as coxas son a parte do corpo que máis lle atraen das mulleres e afirma non comprender á xente que practica sexo sen falar. "Iso é algo propio de eslamiados, mecánicos, emboubados...", sentenza.

Comentarios