Demi Moore foi violada con 15 anos por un home que pagou á súa nai

A actriz relata no seu libro de memorias como salvou do suicidio a súa proxenitora
 
Demi Moore. INSTAGRAM
photo_camera Demi Moore. INSTAGRAM

Demi Moore publica un libro de memorias no que confesa que con tan só 12 anos salvou a súa nai cando intentaba suicidarse. "Recordo usar os meus dedos, os meus pequenos dedos de nena, para sacarlle da boca as pastillas que a miña nai estaba a intentar tomarse".

Con todo, outro acontecemento marcou incluso máis a súa vida. Con 15 anos foi violada por un home que pagara á súa nai. Foi o violador quen lle revelou que a súa nai acordara a violación: "¿Que sentes ao ser prostituída pola túa nai por 500 dólares?", pregúntase.

Moore relata no seu libro, Inside Out, que unha noite chegou á súa casa e atopouse cun home maior ao que coñecía coas chaves do apartamento, "foi unha violación, e unha traizón devastadora". "No máis profundo do meu corazón, creo que a miña nai non foi culpable da miña violación. Non creo que fose unha transacción directa, aínda que ela deulle permiso para facelo", dixo nunha entrevista no programa estadounidense Good Morning América, citado pola cadena Ser, ao ser preguntada se consideraba que a súa nai a vendeu.

No libro de memorias de Moore tamén hai espazo para falar do seu matrimonio de 13 anos con Bruce Willis e das súas tres fillas en común, as persoas que se converteron na súa táboa de salvación e axudárona a loitar contra a súa adicción ao alcol e as drogas. "Déronme a oportunidade de redirixir o curso da miña vida antes de que destruíse todo. Claramente eles viron máis de min que eu mesma. E estou moi agradecida porque sen esa oportunidade, sen a súa confianza en min, hoxe non estaría aquí", reflexiona no seu libro.

Fala tamén do seu matrimonio co actor Ashton Kutcher, co que casou tras dous anos de relación e pouco despois quedou embarazada. Moore perdeu o bebé que esperaba e culpa ao que por entón era a súa parella, quen a introduciu novamente na bebida.

Tras a súa separación de Ashton, a intérprete entrou nunha espiral de malos hábitos e terminou cunha sobredose de drogas de deseño. Este episodio levouna a ingresar novamente nunha clínica de desintoxicación. Na actualidade, Moore está rehabilitada e trata de coidarse.

Comentarios