Demi Moore é ingresada por ''abuso de sustancias''

A actriz estadounidense Demi Moore foi ingresada o luns nun hospital dos Ánxeles (California) por abuso "de sustancias", segundo informou hoxe a web especializada en información de famosos TMZ.com.

Os paramédicos acudiron o luns pola noite á casa de Moore tras recibir unha chamada no seu servizo de urxencias, e logo de atendela alí durante media hora, transportárona a un hospital local.

A actriz, de 49 anos, será trasladada agora a unha institución para "buscar máis axuda profesional", nun tratamento que, de acordo coas fontes de TMZ, busca contrarrestar o abuso de sustancias.

O representante de Moore, con todo, asegurou nun comunicado enviado á web que o problema da intérprete é "o cansazo".

"Debido ás tensións da súa vida neste momento, Demi elixiu buscar axuda profesional para tratar o seu esgotamento e mellorar a súa saúde en xeral. Ten ganas de sentirse mellor e agradece o apoio da súa familia e amigos", sinala o comunicado.

Moore anunciou en novembro o seu divorcio do actor Ashton Kutcher, con quen estivo casada durante seis anos, entre rumores sobre as supostas infidelidades do protagonista da serie "Two and a Half Men" en setembro.

"Son momentos difíciles para min e para a miña familia, así que pediría a mesma compaixón e privacidade que darías a calquera outra persoa nunha situación similar", dixo entón Moore sobre a súa separación de Kutcher, de 31 anos.

Comentarios