De viños coa 'xabarila' guerreira

xena_dentro1.jpg
photo_camera xena_dentro1.jpg

¿Quen dixo que un xabaril non pode ser o mellor amigo do home? Un rianxeiro atopou neste animal ao mellor compañeiro de aventuras. Ata teñen ido xuntos ao bar.

Os xabarís non teñen boa fama na nosa terra, na que adoitan ser noticia por sucesos negativos ao esnaquizar cultivos ou provocar accidentes de tráfico. Con todo, na localidade coruñesa de Rianxo, unha 'xabarila' domesticada, de nome Xena –como a princesa guerreira da serie televisiva-, protagoniza unha bela historia de amizade cun home que a recolleu indefensa no monte e a converteu nunha mascota colmada de agarimo.

Trátase de Manuel Lojo, un albanel de 50 anos que fai oito atopouse no bosque cunha cativa de xabaril “famenta e asustada, como se lle matasen á nai nunha batida”, recorda o rianxeiro, que non llo pensou dúas veces e levouna a casa.

Con todo, unha vez a historia chegou a oídos da Garda Civil, axentes do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) presentáronse na parroquia de Araño na que vive Manuel para instarlle a devolver a súa peculiar mascota ao monte, por ser o hábitat natural dun animal salvaxe. “Fíxeno, pero ó día seguinte volveu para a casa”, relata orgulloso Manuel, a quen os axentes permitiron quedar con Xena unha vez constatado o agarimo que esta collera ao seu pai adoptivo.

Unha mascota máis
Superada a sorpresa inicial que a mascota causou no pobo, oito anos despois os veciños de Araño xa ven á 'xabarila' como a unha mascota máis. E é que Manuel a amestrou con moita paciencia e agarimo desde o primeiro día e hoxe presume de que “é máis intelixente que calquera outro animal”.

Ambos forman unha parella inseparable. De feito, de pequena, Xena ata acompañaba ao seu amo ao bar do pobo, costume que o rianxeiro tivo que abandonar porque “é tola polos cacahuetes e metíase por dentro da barra a buscalos, ademais para comer as cascas que a xente tiraba non chan”. Total, que inocentemente Xena “asustaba á camareira e ós clientes”, explica o dono da 'xabarila', que se viu obrigado a prohibirlle volver ir de viños.

O desenvolvemento do animal, que na actualidade pesa máis de cen quilos, tamén obrigou a telo encerrado nunha cuadra, aínda que Manuel encárgase de sacalo todas as fins de semana de paseo. Iso si, lévao ao monte, porque se o deixa na leira “levántame a horta enteira”, admite o albanel, que explica que o que lle gusta á súa mascota, como a todos os da súa raza, é “escarabellar co fuciño por debaixo da terra”.

Con todo, e malia estes pequenos inconvenientes derivados da natureza salvaxe da súa princesa guerreira, o rianxeiro recoñece querela “máis que a nada” e nega que lle ocasione especiais molestias. “Aínda me dá máis traballo a muller”, exclama divertido.

Comentarios