Daniel Ares: "Sempre me gustou o modo de entender a ecoloxía da miña avoa"

O doutor e investigador lucense Daniel Ares presenta no Vello Cárcere o poemario ‘El cuaderno mundano’, no que entre outras cousas fala de ecoloxía e da súa avoa Elvira
Daniel Ares. MONCHO FUENTES
photo_camera Daniel Ares. MONCHO FUENTES

Aínda que Daniel Ares leva máis de quince anos vivindo fóra da súa terra —reside en San Diego (Califronia)—, a morriña invade ao investigador ao volver á cidade que o viu nacer para presentar El cuaderno mundano.

A súa historia comeza no Miño.

Teño recordos de medrar arredor do río e ir pescar co meu avó. O Miño sempre foi unha presenza non humana moi importante para min. Unha imaxe moi impactante foi cando baixaba o nivel do río no mes de agosto e atopei unha morea de peixes mortos aboiando nun vertido tóxico.

Por iso escolleu unha temática ecoloxista?

El cuaderno mundano é un poemario que ten unha temática ecolóxica, xa que a través da poesía intentei crear un sentido a cousas tan contraditorias como a extincinción masiva de especies animais que se está dando por causa do ser humano. No poemario tamén aparecen a miña avoa Elvira e a horta que ela tiña.

A súa avoa era ecoloxista?

Sempre me gustou a súa maneira de entender a ecoloxía, ela era ama de casa e tiña unha horta. Ela sabía cando había que sembrar segundo a fase da lúa, sabía por onde viña o aire e xa dicía que ía a chover. Tiña ese coñecemento que ten moita xente que se criou no campo. Eran modos de vida moi ecolóxicos e que penso que deberiamos recuperar en moitos sentidos.

Como trata de recuperar vostede esos modos de vida máis sostibles?

Eu vivo na cidade de San Diego, onde non hai transporte público. Polo tanto, móvome en bicicleta, aínda que teño dúas fillas e ás veces teño que facer moitas viaxes. Intento comprobar a orixe dos alimentos na medida do posible, porque os alimentos ecolóxicos sion moi caros e o meu salario non é moi boiante. Despois, desde a miña faceta como educador trato de ensinar ás novas xeracións para dotalos de recursos.

Di vostede no libro que "as vidas dos pobres duran o que duran e esquécense pronto". Falar da súa avoa é unha reivindicación?

Si, falar dela é unha reivindicación para esas vidas máis libres e moi interesantes. Ademais de ser unha homenaxe á miña avoa e a todas esas vidas anónimas que pasan desapercibidas, xa que na maior parte das ocasións se fala da vida das persoas ricas ou de boa familia.

"Preocúpame a fuga de cerebros. Vin marchar xente con moito talento"

Elvira podería ser a avoa de moitas galegas e galegos.

Moitos lectores poderán identificala coa súa propia avoa. A miña era moi doce e boa persoa, pero tamén se poñía firme. Cando o ditador Francisco Franco pasou polo barrio da Ponte en Lugo, meu avó que era moi republicano, saíu a insultalo. Ante o medo de que o levaran preso, miña avoa, que era moi pequena, sacou forzas e meteuno para dentro da casa. Fíxoo por amor.

Por amor tamén fixo vostede as Américas.

É certo que tiven as miñas razóns persoais para marchar porque a miña parella atopou traballo en Kansas. Agora véndoo en perspectiva penso que eu era novo e necesitaba un lugar onde dar resposta ás miñas inquedanzas, un lugar onde atopar máis oportunidades no ámbito académico e profesional. Por desgraza, penso que en España aínda faltan.

Preocúpalle a fuga de cerebros?

Si que me preocupa, porque digamos que eu xa levo máis de 15 anos fóra e vin marchar moita xente con moito talento e cunha formación extraordinaria. Entón, en moitas ocasións si que penso que é unha verdadeira fuga de cerebros, xa que se trata de xente extremadamente valiosa, que é o que precisa un país para desennvolverse e para mellorar.

Pasou por lugares como Edimburgo, Málaga, Kansas, Texas, Wisconsin e San Diego, pero de onde di que é vostede?

Eu síntome lucense do barrio da Ponte. Tamén entendo que unha persoa pode ser de moitos lugares, polo que me sinto unha persoa inmigrante. Sentirme de todos os lugares nos que vivín tamén é importante para min.

Regresará a Lugo?

Si claro, gústanme moito a cidade e a xente. Cando me xubile penso volver, se non é antes, quen sabe. É o meu sentimento de pertenza máis forte. Son feliz en San Diego, pero quero regresar a Lugo.

Comentarios