María Jiménez recibe a alta médica tras tres meses ingresada

A cantante sevillana recupérase no seu domicilio tras ser intervida de urxencia no sistema dixestivo

María Jiménez. INSTAGRAM
photo_camera María Jiménez. INSTAGRAM

A cantante sevillana María Jiménez, de 69 anos, recibiu a alta médica no hospital Virgen del Rocío, de Sevilla, e atópase no seu domicilio recuperándose tras permanecer hospitalizada desde hai tres meses por unha intervención cirúrxica de urxencia no sistema dixestivo, segundo confirmou a Telecinco o seu fillo Alejandro. María Jiménez deberá seguir o proceso de convalecencia na súa casa.

A principios de maio, a cantante foi ingresada por mor dunha obstrución intestinal nun hospital de Cádiz, onde foi operada de urxencia. Parecía que todo quedaría nun contratempo, pero a súa situación complicouse por mor dunha infección. Foi ingresada en coidados intensivos do hospital sevillano ao non responder á medicación que lle administraban. Fai un par de semanas a cantante experimentou unha sorprendente melloría.

"Está totalmente consciente. Fálolle, mírame e quéreme falar, pero non pode de momento", explicou a súa irmá Isabel. "Deunos un subidón", afirmou. Alejandro, o fillo que a cantante tivo xunto ao actor Pepe Sancho, tamén se mostrou esperanzado tras os días críticos que sufriu a súa nai tras a intervención.

Comentarios