Brigitte Bardot, denunciada por insultos racistas

A lendaria actriz remitiu unha carta ao prefecto da illa francesa da Reunión denunciando "a barbarie" coa que se trata aos animais nese territorio galo de ultramar

Brigitte Bardot. AEP
photo_camera Brigitte Bardot. AEP

Brigitte Bardot. AEPA lendaria actriz Brigitte Bardot, envorcada desde hai décadas na defensa dos animais, foi denunciada polo prefecto (delegado do Goberno) da illa francesa da Reunión (no Índico) por proferir insultos racistas cara os seus habitantes. Nun comunicado, a Prefectura explicou que puxo en coñecemento da Fiscalía unha carta que recibiu o martes da Fundación Brigitte Bardot, asinada pola estrela do cine francés, porque "comporta termos inxuriosos e racistas cara os habitantes da Reunión".

Unhas palabras "inaceptables" e "condenables" para o máximo representante do Estado francés na illa, que as considera susceptibles de constituír un delito.

Na controvertida misiva, a exactriz, de 84 anos, denuncia o trato que reciben os animais na Reunión e sinala que nalgunhas prácticas rituais de sacrificios, como as practicadas pola minoría tamil, hai "reminiscencias de canibalismo dos séculos pasados e deberían prohibirse". "Avergóñome —di— desta illa, do salvaxismo que segue reinando, dos riscos que asumen os seres humanos que con risco para as súas vidas tratan de salvar a cans e gatos atacados por unha poboación dexenerada aínda impregnada por costumes ancestrais, tradicións bárbaras que son as súas raíces".

Pide ao prefecto que "demostre valor" e "devolva a esta illa demoníaca un pouco da humanidade que perdeu", logo de subliñar que "os autóctonos conservaron os seus xenes de salvaxes pero as leis francesas están para ser respectadas e a súa función é aplicalas". Conta que está "desbordada" polas cartas que recibe nas que se alerta da "barbarie" coa que se trata aos animais, e sostén que é os único departamentos e territorio francés de ultramar que "segue comportándose tan salvaxemente" con eles.

Comentarios