Acusan a Sarah Jessica Parker de apropiarse de varias xoias

Unha xoiería prestoulle á actriz varias pezas para unha sesión de fotos en marzo de 2016 e agora acúsaa de quedarse con elas

Sarah Jessica Parker. EP
photo_camera Sarah Jessica Parker. EP

A actriz estadounidense Sarah Jessica Parker mantén unha disputa cunha xoiería que lle prestou pezas para unha sesión de fotos en marzo de 2016 e que a acusa de quedarse con elas, segundo recollen medios locais.

O medio especializado en información de famosos Page Six accedeu a documentos xudiciais nos que Kat Florence Design, a xoiería, acusa a Parker de non devolver as pezas valoradas en case 150.000 dólares (128.000 euros) tras un préstamo acordado de dous meses e solicítalle pagalas.

A actriz protagonista da serie Sexo en Nova York luciu as xoias nunha sesión de fotos publicitaria para a empresa e despois pediu que lle prestasen a título persoal varias das pezas, que devolvería nun prazo de dous meses.

O avogado de Kat Florence Design dixo ao medio que a xoiería accedeu a prestarlle uns pendentes de case 41.000 dólares (35.000 euros) e un anel de máis de 27.000 (23.000), entre outras pezas, pero como dous anos despois non os recuperou, Parker debería pagalos.

Pola súa banda, o avogado da actriz, Ira Schreck, contestou nese mesmo medio que as acusacións da empresa son "totalmente falsas": Parker tiña un "contrato" coa xoiería, que lle pediu "que se quedase as xoias e as levase en alfombras vermellas e outros eventos cando fose apropiado".

Schreck, que cualifica á súa clienta de "honesta", asegurou que Parker insistiu á xoiería "desde que inxustamente deixaron de pagarlle para que devolvese as pezas, pero Kat Florence non parecía terriblemente interesada en recuperalas".

O pasado mes de abril, a xoiería xa denunciou á actriz polo suposto fracaso da liña de xoias na que colaborara, incluíndo a promoción -un negocio de 7,5 millóns de dólares (6,4 millóns de euros)-, tras o cal ela respondeu con outra demanda, acusando á firma de non pagarlle a pesar de que ela cumpriu as súas obrigacións. 
 

Comentarios