Miércoles. 14.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 14.11.2018
El tiempo

Viaxar a través do padal

Ana, Sara y Javi, en la cafetería Bahía
Ana, Sara y Javi, en la cafetería Bahía
A cafetería Bahía das Pontes organiza xornadas gastronómicas internacionais para que os seus clientes poidan probar sabores doutros países sen mover os pés da localidade

Teletransportase. Viaxar ao redor do planeta sen mover os pés do chan. Cruzar o globo a través do padal e percorrer centos de quilómetros. Saborear o mundo. Son algúns dos obxectivos da nova proposta gastronómica da cafetería Bahía das Pontes, que iniciou unha viaxe como reclamo para que os seus clientes despeguen desde a localidade á outra punta do mapa.

O local de hostalería pontés, que cambiou de xerencia hai pouco máis de dous meses, empezou a organizar fins de semana gastronómicos con tapas de diferentes países. O billete de avión cara aos sabores máis descoñecidos é gratis, acompañado por cada consumición.

«Queriamos ofrecer cousas novas e atraer á xente, así que se nos ocorreu facer tapas doutros lugares», explican os responsables, Javier Bermúdez e Ana Padín, que indican que ademais de xornadas gastronómicas internacionais farán percorridos nacionais, con paradas por diferentes autonomías de España.

O percorrido empezou en Italia e México e fará paradas en Asia, EE.UU., Colombia, Cuba ou distintos recunchos de España

A encargada de organizar as viaxes gastronómicas é Sara Ramos, que á fronte dos fogóns deseña as propostas dos diferentes destinos. «Á xente gústalle probar. Cando fago tapas diferentes son as que piden, prefiren cousas distintas que o típico que poden facer nas súas casas», explica a cociñeira e comandante destes voos, que recalaron por primeira vez en Italia.

«Foi estupendo. Esperabámonos menos xente e a verdade é que funcionou moi ben», din os camareiros, azafatos desta viaxe entre sabores, que aterrou este fin de semana en México coa segunda xornada.

«Iremos organizando varios fins de semana gastronómicos ata o verán», anuncian, mentres explican que as tapas se maridan con bebidas típicas de cada destino. Así, houbo Lambrusco para viaxar a Roma e Margaridas para DF.

O seguinte destino, previsto para este venres e este sábado, será Asia, e logo chegarán outros como Colombia, Cuba, Arxentina, EE.UU., Irlanda, Francia e outros moitos recunchos, aínda que aínda non hai datas fixadas. «A xente tamén pode propor. Eu lánzome», di entre risas a cociñeira, inesgotable viaxeira nos fogóns.

Viaxar a través do padal
Comentarios