Varios viños da Ribeira Sacra entran nunha selecta cata en Nova York

O club The Winne Connection presentou en sociedade os caldos máis valorados polo prestixioso crítico Gerry Dawes
Dawes (sentado), en una visita a Viña Cazoga
photo_camera Dawes (sentado), en una visita a Viña Cazoga

Os viños da Ribeira Sacra foron os protagonistas dunha cata que se celebrou nas exclusivas instalacións The Wine Connection, un selecto club do estado de Nova York que desde 1993 traballa para atopar os viños con máis personalidade e singularidade de todo o mundo e ofrecelos ao mercado norteamericano.

O evento contou coa asesoría do crítico e especialista en viños Gerry Dawes. Este norteamericano, fotógrafo e escritor de profesión, leva unha década percorrendo España en busca de pequenas adegas que escapan das producións máis comerciais e perseguen a distinción nos seus caldos. As súas referencias e os seus comentarios poden decidir o futuro dun viño nun mercado tan potente como o de Estados Unidos.

Na selección de Dawes que se catou en The Wine Connection, no condado neoiorquino de Westchester, presentáronse viños que o crítico referencia no seu catálogo The Spanish Artisan Wine, no que plasma as súas impresións sobre os caldos cos que entra en contacto. Son viños "sorprendentes, artesanais de pequenas adegas familiares e de áreas menos ‘de moda’, como Ribeira Sacra. Os viños falan por si mesmos, son verdadeiros e puros. Non hai elementos estraños, nin carballo novo, nin gradación alcohólica en exceso, simplemente o seu lugar de orixe nunha botella e unha fantástica expresión do terroir", publicou a propia organización da cata.

Aínda que houbo viños de distintos puntos de España destacaron os galegos e os Ribeira Sacra. Entre os preferidos por Gerry Dawes da denominación están os mencía de Viña Cazoga, que o crítico describiu en varias das súas publicacións como "sorprendentemente suaves, xenerosos, un toque de pementa no padal e un final longo e satisfactorio".

Toalde, da subzona de Chantada, é outra das referencias que entran na lista Gerry Dawes. O crítico define os caldos de Roberto Regal como "excelentes, unha mestura chea de aromas de bayas escuras, cereixas negras, espresso, cortiza de árbore, tons de chan pedregosos, herbas frescas e fume de leña. En boca, o viño é profundo, de sabor intenso, cunha preciosa transparencia, moi boa profundidade de padal".

Da mesma subzona son frecuentes as referencias de Dawes ao Ora et Labora, que produce Mario Vázquez. Sobre este caldo o crítico escribiu que "é un dos tintos máis encantadores da subzona de Chantada". Xa se vende en Nova York, onde está dispoñible en Astor Wines & Spirits,en Manhattan, e na biblioteca do viño, en Springfield, A cata tamén tivo referencias a caldos de Valdeorras, Monterrei e Rías Baixas.

Pero, a aposta de Dawes pola denominación de orixe a Ribeira Sacra é moi firme e estase convertendo nun dos principais defensores das adegas máis pequenas.

Gerry Dawes escapa nas súas visitas ás denominacións dos focos e do ruído. Prefire o trato próximo cos adegueiros, coñecer directamente o labor no viñedo e gozar da gastronomía local na intimidade.

Comentarios