A merluza do pincho, do mar ao prato

Este sábado é o día de Viveiro na feira Xantar, onde o concello promove unha degustación con preto de 300 racións de pescada de Celeiro e pan dos apóstolo
O posto do Concello de Viveiro no salón internacional de Xantar
photo_camera O posto do Concello de Viveiro no salón internacional de Xantar

O Concello de Viveiro é o protagonista este sábado en Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra en Ourense. Como a cousa vai de ensalzar os mellores produtos, o acto central da xornada terá como referente á merluza do pincho de Celeiro, da que se repartirán preto de 300 racións compostas de salpicón e empanada por parte de integrantes da asociación Penalba, organizadora da súa festa declarada de Interese Turístico Galego e que este ano cumprirá 20 edicións. Non faltará o postre, un delicioso pan dos apóstolos, doce típico da Semana Santa viveiresa que levan ata a cidade das burgas directivos da Xunta de Cofradías, a entidade que agrupa ás irmandades que impulsan esta celebración secular de Interese Turístico Internacional.

O reparto gratuíto comezará á unha e media pero antes de probar as exquisiteces do concello mariñano a alcaldesa, María Loureiro, presentará o municipio aos asistentes e dará a coñecer os seus principais recursos turísticos, as súas festas, o seu patrimonio, a súa natureza e, como non, a súa gastronomía de calidade contrastada. Acompañarana a concelleira de turismo, Marisol Rey; o de mar, Jesús Fernández; directivos de Penalba como Bernardo Fraga ou Rosario San Isidro, e membros da Xunta de Cofradías co seu presidente José Veiga.

Penalba prepara a merluza en empanada e salpicón e a Xunta de Cofradías leva o pan doce


A empresa armadora Puerto de Celeiro proporcionou de xeito desinteresado 75 quilos da pescada máis fresca que os integrantes de Penalba prepararon con moito mimo en 15 empanadas e salpicón para repartir na degustación, na que ofrecen pratos cunha proba das dúas receitas, que de seguro sorprenderán a máis de un e que é máis que probable que se esgoten, como ten acontecido antes noutras feiras nas que se promocionou a pescada do pincho, o produto estrela de Celeiro.

"A diferenza que ten con outras pesquerías é que esta merluza se pesca ao xeito tradicional, con anzol na modalidade de palangre, co cal a frescura e a trazabilidade é moi destacable", apunta o concelleiro de mar, que lembra que a merluza do pincho de Celeiro foi "o primeiro produto que tivo unha denominación de orixe Galicia Calidade" no ano 2003.

Pola súa banda a Xunta de Cofradías completará a degustación co plan dos apóstolos, que elaboran dúas pastelerías de Viveiro e do que tamén se repartirán preto de 300 racións. Trátase dun pan doce que se consome tradicionalmente o día de Xoves Santo.

 A alcaldesa falará dos recursos do municipio, que tamén amosan nun stand moi concorrido

A concelleira de turismo foi a principal artífice da presenza de Viveiro neste encontro que arrancou o mércores e o stand, que onte visitou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, gozou dunha gran actividade. Neste espazo, atendido pola técnica de turismo María San Isidro, hai material promocional do Concello e outros folletos remitidos por establecementos hostaleiros e hoteleiros, así como de eventos como a romaxe de Naseiro, a Rapa das Bestas -que se esgotaron- ou o Resurrection Fest. Os asistentes tamén poden ver unha mostra das creacións de Regal Cerámica e un apartado específico para a Semana Santa que inclúe maniquís coas vestimentas propias entre o diverso material da celebración.


"Á xente gústalle moito este material, preguntan pola Semana Santa e explícanselles as procesións, a tradición e a antigüidade, aínda que moitos xa a coñecen pola televisión", comenta Rey. Os visitantes "tamén preguntan por algún hotel en concreto, piden a guía de restaurantes e receitas de cociña da merluza. Houbo xente que tamén se interesou pola cerámica de Regal", di, para engadir que tamén son moi coñecidas a marca Galipizza e o Resurrection Fest.

Polo stand de Viveiro pasa xente moi diversa e detectan a presenza especialmente de moitos veciños portugueses.

Comentarios