A Expodegustación da Galiña de Mos será o día 30

A organización preparará mil racións dun menú centrado na ave

O Concello de Castro de Rei e a asociación de veciños de San Xiao de Mos organizan este domingo 30 a Expodegustación da Galiña de Mos, que alcanza a súa sétima edición e na que se prevé preparar un milleiro de racións dun menú no que este produto será o protagonista.

Na organización desta cita tamén colabora Avimós, que promove unha exposición de exemplares na que participarán ao redor dunha vintena de criadores e coa que arrincará, ás 10.30 horas, a feira. A entidade tamén outorgará premios ás mellores parellas de aves.

A partir das 12.30 será a degustación dos manxares da galiña de Mos, cunha proposta gastronómica que inclúe un ovo, patacas, pito asado, queixo de Leitigal e torta de sobremesa. A maior parte do menú, cuxo custo é de oito euros e inclúe unha consumición, elaborarase no propio campo da festa.

Ademais, actuarán o grupo de gaitas da asociación cultural Penas de Rodas pola mañá e do dúo D’Cine pola tarde, cando tamén haberá xogos populares. A cita completarase con varios expositores de artesanía.

Comentarios