O premio da Mellor Fabada do Mundo escápaselle ao bar Plaza de Monforte

Vista Alegre de Colunga gañou o certame ao que chegou como finalista o local monfortino

Non puido ser. O cociñeiro Luis Villa, que rexenta o bar Plaza de Monforte, non puido traer para a cidade do Cabe o título de Mellor Fabada do Mundo. No concurso que organizou o Concello de Villaviciosa (Asturias) e a firma Gustatio para elixir a mellor receita deste prato típico da comunidade impúxose a proposta do local Vista Alegre, de Colunga. En segundo lugar quedou o restaurante Michem de Villabona e, no terceiro posto, o restaurante El Verano, de Villaviciosa.

De todos os xeitos, o bar Plaza pode presumir de ofrecer unha das 25 mellores fabadas do mundo e unha das tres mellores das que poden degustarse fóra de Asturias.

Ao certame organizado polo Concello de Villaviciosa presentáronse máis de 80 fabadas elaboradas en Asturias e desa cifra escolléronse 21 finalistas. Ademais, presentáronse decenas de locais de fóra de Asturias que pasaron varias probas de eliminación. O pasado mes de febreiro elixíronse en Madrid as tres mellores fabadas non asturianas, entre elas a monfortina. Esas tres competiron coas 21 asturianas na final que tivo lugar este martes en Villaviciosa.

Luis Villa explicaba este martes que a experiencia fora moi enriquecedora e que o feito de chegar á final e medirse cos propios restaurantes asturianos xa era un gran premio.

Engadiu que o nivel desta edición era moi elevado, algo que tamén destacou o xurado e a propia organización do certame de Villaviciosa.

Comentarios