Jueves. 15.11.2018 |
El tiempo
Jueves. 15.11.2018
El tiempo

O Concello de Vilalba calcula que se porán á venda 700 capóns na feira deste domingo

Dos capones de Vilalba
Dos capones de Vilalba
Uns 50 exemplares foron xa consumidos nas xornadas gastronómicas nas que participan desde o día 14 uns vinte establecementos de hostalería do municipio

A concelleira de Feiras e Mercados do concello de Vilalba, Chery Grandío, calculou que na Feira do Capón deste domingo poranse á venda sobre setecentas unidades, dos 1.500 exemplares censados para a edición de 2016. O evento, que conta xa con 200 anos de antigüidade, representa unha tradición no municipio, que prevé "unha gran afluencia de xente" e a participación de "48 ou 49" dos sesenta criadores censados neste concello.

Chery Grandío descoñece o volume de negocio que se poida xerar, aínda que adiantou que a venda por unidade "oscilará entre os cen e os 120 euros". E recordou que moitos dos criadores xa venderon parte da súa produción nas súas propias casas, unha práctica que tamén é habitual, tendo en conta da gran demanda que existe nas semanas previas ao Nadal, especialmente por parte do sector da restauración.

A concelleira de feiras aludiu ao capón como un "embaixador de Vilalba polo mundo enteiro". Así, asegurou que se crían "con moito mimo" e que a súa alimentación se basea en "millo e patacas".

Case todos os restaurantes da localidade teñen esgotadas os seus reservas para o domingo



"No mes de novembro métense nas capoeiras. A cativa faise cos mellores coidados e logo no sacrificio tense en conta que vaian preparados, ben limpos e amarillitos. É un manxar excelente", resolveu.

Doutra banda, sinalou que nos tres primeiros días das Xornadas Gastrónomicas do Capón de Vilalba nas que participan os locais de hostalería da capital chairega, consumíronse xa cincuenta exemplares, aínda que serán cen cando termine a edición este domingo coa tradicional feira, que abrirá as súas portas ao público a partir das 10.00 horas na Praza da Constitución.

Haberá premios para o Mellor Par de Capóns, a Mellor Cesta —formada por catro exemplares— e para o Mellor Criador. Por outra banda, o Concello de Vilalba enviará capóns, como agasallo institucional, ao cardeal Antonio María Rouco Varela; ao presidente da Real Academia da Lingua, Darío Villanueva; ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e ao pregoeiro das patronais de San Ramón, o químico Alejandro Criado.

Desde o día 14, vinte establecementos de hostalería do municipio de Vilalba están a participar nas xornadas gastronómicas do capón, de modo que os visitantes poden degustar numerosas variedades de tapas elaboradas con este produto, ao prezo de 2,5 euros cada unha. Máis difícil será atopar mesa para comer capón en Vilalba o día da feira, porque segundo a edila, case todos os restaurantes da localidade teñen esgotadas os seus reservas para o domingo.

O Concello de Vilalba calcula que se porán á venda 700 capóns na...
Comentarios