Bretoña enxalza unha receita cunha gran historia

A asociación Amigos da Feira volveu reunir a decenas de persoas na celebración da VIII Festa da Bola de Liscos e das Freces

Fariña, leite, ovos, mel e manteiga. Eses son os ingredientes básicos, ademais de moita dedicación e agarimo, cos que a asociación Amigos da Feira de Bretoña quixo sorprender un ano máis, e xa van oito, ás decenas de visitantes que se deron cita na Festa da Bola de Liscos e das Freces. Todos os que acoden a esta celebración gastronómica chairega saben máis que dabondo o saborosa que pode ser unha empanada de ‘liscos’, elaborada con produtos de porco celta.

Aínda que o gran atractivo deste evento non é outro que as freces. Esa receita que conta cunha gran historia e que esperta a curiosidade de persoas de distintos puntos da provincia e tamén de fóra dela. "Moita xente non coñece que son as freces. Segundo contan era un menú típico dous homes que ían ao monte a traballar, é moi forte e enche bastante", relata Marisol Gallego, unha das integrantes da asociación organizadora, que apenas tivo un segundo de descanso mentres servía unha e outra ración.

As sensacións destes visitantes, chegados de lugares tan dispares como Trabada ou As Pontes, "é boa", tal e como constatou Gallego. "Hai que probar de todo na vida, e isto non está mal", reflexionaba un destes curiosos, logo de acabar en familia varias racións de freces, mentres marchaba levando debaixo do brazo unha bola de liscos.


Despacháronse ao redor de 800 racións de freces, un número lixeiramente inferior ao da edición pasada


"Este ano o tempo non nos acompañou. Sabemos que se fai bo día enchemos, e senón a xente é máis remisa a vir", comentou outro integrante da entidade organizadora, precisando que nesta ocasión despacháronse ao redor de 800 racións de freces, un número lixeiramente inferior ao da edición pasada.

"A xente leva as bolas enteiras ou por porcións. Fixemos sobre 250, das que saen uns 600 pratos para degustar", engadiu este socio de Amigos da Feira, confirmando que o obxectivo é poder continuar con esta celebración. "O mal tempo non nos vai desanimar", dixo.

Ademais de degustar, e en moitos casos probar por primeira vez un menú diferente, as persoas que se achegaron este domingo ata Bretoña, na Pastoriza, puideron tamén gozar dunha exposición de vehículos antigos, grazas á presenza dun bo número de afeccionados dun club de Vegadeo, que se instalou no exterior da carpa.

A celebración prolongouse durante boa parte da tarde, xa que como en calquera feira gastronómica que se prece, non faltou a nota musical, que correu a cargo do dúo D’Cine. A entidade organizadora, que conta co respaldo do Concello da Pastoriza, valora positivamente o desenvolvemento da cita e xa traballa en promover unha nova edición.

Comentarios