Lunes. 19.11.2018 |
El tiempo
Lunes. 19.11.2018
El tiempo

As androllas gañáronlle o pulso ao frío e volveron encher Navia de xente

Os asistentes valoraron a calidade dos 200 quilos de embutido repartidos na degustación. Os vendedores quedaron satisfeitos dunha xornada de vendas que cumpriu as expectativas

A Festa da Androlla de Navia de Suarna volveu congregar onte na localidade milleiros de persoas, atraídos polo embutido típico dos Ancares. "Está moi boa e non hai que terlle medo ao frío, así aínda presta máis", dicía unha das persoas durante a degustación gratuíta que ofreceu o Concello.

Repartíronse 200 quilogramos de androlla acompañados de pan e viño. Foi o momento máis concorrido da festa. Durante a mañá, o embutido estivo a cocer na mesma Praza do Concello e arredor da unha da tarde o cheiro xa indicaba que estaba todo listo para servir, un bo reclamo para chamar a atención da xente que se repartía entre os distintos postos.

As colas para conseguir a proba e os comentarios posteriores dos comensais non deixaban lugar a dúbidas: quedaron satisfeitos da calidade das androllas de Navia. Unha vez probadas, tiveron ocasión de levar algunha para a casa, pois os vendedores tiñan na feira uns 2.000 quilos delas.

Nun dos postos estaba a autora dos embutidos degustados, Paloma de Liñares, que explicou que están elaborados de forma totalmente artesanal, con porcos criados na casa e como aprendeu a facer de nena. "Só facemos androllas para a degustación e para vender nesta festa. Pode quedar algo na casa, pero pouca cousa, a maioría véndese no día", conta.

Así, os cochos de Paloma saben que serán os máis repartidos da contorna. "Matamos oito, uns mil quilos de carne", calcula. Pero non todo foi para androllas. Nos postos da feira podían atoparse outro tipo de embutidos, como butelos, chourizos, salchichóns ou morcillas. Ademais de toda clase de carne salgada necesaria para desfrutar dun cocido propio dos días de Entroido.

Embutidos Suarna, a empresa cárnica máis importante de Navia, tampouco faltou á cita coa androlla. Esta firma fainas todo o ano. "Antes era un produto do inverno, pero agora, cada vez máis, véndese tamén no verán", afirma a responsable. E este comportamento ten a súa explicación. "En Barcelona hai tanta xente de Navia como no propio concello. Cando veñen de vacacións, en xullo e agosto, gústalles comer androlla e compran tamén para levar. Cómese ben incluso cando fai calor", explica.

Tamén os veciños de Cervantes se sumaron á cita. Embutidos Campa, de Piornedo, tamén tivo presencia na festa, con androllas e outro tipo de produtos.

Non faltaron tampouco as produtoras caseiras, que levaron á feira os excedentes da matanza. "Isto que traio é o que eu como na casa e se non o vendo lévoo de volta e imos dar conta del no que queda do inverno", explicaba unha das vendedoras, que aínda que loaba a calidade dos seus produtos dicía que prefería "vender algún para poder comprar outras cousas".

As androllas gañáronlle o pulso ao frío e volveron encher Navia de...
Comentarios