Xuventude Galicia Net conecta mil mozos na maior 'Lan Party' da comunidade

Os mil mozos que esgotaron as prazas do Xuventude Galicia Net no mesmo día en que se abriu a inscrición repetiron onte as ringleiras das doce edicións anteriores agardando a apertura das portas e o desfile de carros da compra nos que carretaron os equipos informáticos cos que volveron converter o palacio de congresos de Santiago no escenario da maior Lan party de Galicia. Chegaron todos co mesmo propósito de "compartir", tanto arquivos e xogos aproveitando a rede instalada como as experiencias de tres días pensados para ofrecer entretemento e formación. De feito, cando os máis novos senten con dureza o castigo da crise no mercado laboral, os organizadores deron especial protagonismo este ano ás oportunidades de traballo baseadas nas novas tecnoloxías e queren que o evento sexa tamén "plataforma de promoción" de proxectos empresariais.

Por iso, Xuventude Galicia Net -organizado pola Xunta- volve ofrecer unha potente rede á que xa están conectados os mil mozos para compartir contidos de forma rápida e participar en torneos de videoxogos, e ten tamén obradoiros, actividades lúdicas, mesas redondas e conferencias con expertos "de primeiro nivel", todo isto aberto ao público en xeral. O primeiro relatorio -onte- foi o do profesor de política de empresa Leopoldo Abadía, e tras el intervirán hoxe Enrique Dans (da IE Business School), o experto en estratexias innovadoras Javier Megías e o social media Rubén Bastón.

Sumando todo, trátase de ofrecer aos mozos "formación, posibilidades de aprender y de relacionarse con otros profesionales del sector e incluso empresas", explica Adrián Novegil, responsable técnico do evento. Con ese mesmo obxectivo, convocouse un concurso para proxectos innovadores con base nas novas tecnoloxías. É que son "uno de los grandes caballos de batalla en el mundo laboral", e, como destaca Anxo, un dos mozos do encontro, ofrecen unha das opcións "máis fáciles e baratas" para poñer en marcha un negocio.

O programa complétase con obradoiros que tratan desde o neuromárketing ata os xogóns que proban videoxogos, con ponencias sobre blogs -por exemplo- e coas actividades do que se chama a extranet, onde hai paintball, graffiti, esgrima, videoxogos ou talleres de maquillaxe. Ademais, e como novidade, o evento non pecha polas noites, que reserva para sesións de cine temáticas de libre acceso nas que os asistentes se poden caracterizar como personaxes dos filmes. Así, a pasada madrugada foi de zombies, e esta adicarase á Guerra das Galaxias.

Entre as actividades abertas e a intranet, os organizadores calculan que o evento superará nos tres días os 6.000 visitantes, "de todo tipo". De feito, trece anos despois da estrea, trátase de "ir abrindo o abano para que se poida achegar todo tipo de público", incluídos os pais, como salienta Yolanda Otero, subdirectora xeral de Promoción de Actividades de Xuventude.

COGAMI
Aínda que o evento se abre, os principais protagonistas seguen sendo as mil persoas que están conectadas á súa rede os tres días e boa parte das noites, porque "se dorme pouco". Pero non son as únicas que se enchufan na intranet. Sen traer equipos propios, pero si as adaptacións precisas, onte tamén probaron a conexión de un gigabyte trece persoas con dispacidades físicas ou sensoriais que participan nunha aula ocupacional de novas tecnoloxías que desenvolve Cogami en Lugo, convidada ao encontro todos os anos.

Por iso, no grupo -igual que entre os mozos da party- hai veteranos do encontro, como Manuel. Este home, que quedou cego aos 26 anos, aprendeu case de cero a usar un ordenador xa sen vista, empezando polo teclado. Agora sábeo de memoria e desenvólvese sen problema co apoio dun programa que lle describe o que aparece na pantalla. É un dos 'Disincreíbles de Fingoi', os responsables dun blog que son "discapacitados increíbles", por "hacer cosas que no cree la gente". El, co ordenador, colabora tamén nunha revista dixital da súa aula e fai trámites para os que antes tiña que desprazarse. Por iso, asegura que gañou "mucha libertad". É que, como destaca a terapeuta ocupacional Cristina Novo, as tecnoloxías poden ser unha barreira ou "un factor de acceso, normalizador", coas ferramentas precisas.

Comentarios