A Xunta urxe ao Goberno central a que lle transfira "os 700 millóns que lle adebeda"

O conselleiro de Facenda avisa a Montero que 530 deses millóns están incluídos nos orzamentos galegos en vigor 
 
Valeriano Martínez. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Valeriano Martínez. PEPE FERRÍN (AGN)

A Consellería de Facenda informou este sábado de que o titular do departamento, Valeriano Martínez, enviou unha carta á ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero, na que lle traslada "a urxente necesidade" de que Moncloa adopte as medidas necesarias para transferir a Galicia "os 700 millóns de euros que lle adebeda á comunidade".

No seu escrito, Martínez desglosa que o Estado debe a Galicia 330 millóns da actualización das entregas a conta e outros 200 pola mensualidade do Iva de 2017. Respecto diso, advirte de que "530 destes millóns están incluídos no Orzamento da Xunta en vigor, o que está a provocar un importante prexuízo" á Administración autonómica, "tendo en conta que a demora ten obrigado á Xunta a acudir a unha liña de crédito para liquidar as tensións de tesourería". "Estes recursos contan con apoio legal e precisámolos con urxencia para atender asuntos prioritarios" en ámbitos como a sanidade, a educación e os servizos sociais, explica o conselleiro.

A estes 530 millóns, a Xunta suma outros 170 millóns correspondentes ás dúas anualidades dos incentivos previstos na lei de Orzamentos Xerais do Estado de 2018, un mecanismo "concibido precisamente en favor das comunidades cumpridoras como Galicia, e ten como finalidade incentivar o bo desempeño fiscal e o cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria".

Martínez recorda a Montero que estas cuestións xa foron comunicadas en anteriores ocasións e que ela "sempre mostrou boa disposición". No entanto, fontes de Facenda avanzan que o conselleiro lle exporá a cuestión cara a cara na reunión do Consello de Política Fiscal que habitualmente se celebra a finais de xullo e que cita aos representantes autonómicos co ministerio, aínda que está pendente de confirmar debido ás negociacións en curso para a formación de goberno.

Comentarios