A Xunta reparte 400 móbiles para facilitar a comunicación

Os dispositivos entregaranse en residencias de maiores, de persoas con discapacidade e centros de menores 
Un grupo de chavales usando sus móviles. AEP
photo_camera Un grupo de rapaces usando os seus móbiles. AEP

A Consellería de Política Social e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) iniciaron esta semana a repartición de 395 dispositivos móbiles no medio centenar de centros de servizos sociais —residencias de maiores, de persoas con discapacidade e de menores— para facilitar a comunicación dos seus usuarios coas familias.

Do total de dispositivos, tal e como concretou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na comparecencia posterior ao Consello deste venres, 110 foron doados pola Fundación Orange e contan con liña de datos gratuíta mentres dura o período do estado de alarma.

Distribuiranse entre 22 xeriátricos e centros de persoas con discapacidade, en función dos residentes de cada unha das instalacións. Ademais, outros 135 móbiles foron doados polo Grupo Cenor Electrodomésticos e destínanse tanto a residencias de maiores que contan con wifi como a centros de menores de iniciativa social.

Os 150 dispositivos restantes son tabletas achegadas pola Fundación Profuturo. Entregaranse en 32 centros da Consellería de Política Social que xa contan con rede de Internet.

Así mesmo, dotouse de wifi a cinco centros de menores dependentes da Xunta e distribuíronse 30 ultraportátiles idénticos aos centros educativos públicos para que os mozos continúen a actividade lectiva durante o confinamento.

Comentarios