A Xunta concederá axudas por valor de 1,5 millóns para melloras paisaxísticas no Camiño 

Subvencionarase o 75% dos investimentos e poderán solicitalas concellos e persoas físicas ou xurídicas
Alfonso Rueda, visitará as actuacións levadas a cabo ao abeiro das axudas para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento da contorna do Camiño de Santiago
photo_camera Alfonso Rueda na súa visita a San Xoán de Botos. XUNTA DE GALICIA

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, avanzou que a próxima semana o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará a orde de axudas, por un total de 1,5 millóns, para acometer obras de mellora paisaxística e embelecemento de recursos do Camiño de Santiago. 

Así o anunciou Rueda durante unha visita realizada este sábado á Igrexa de San Xoán de Botos de Lalín (Pontevedra), onde se acometeron distintas actuacións de mellora ao amparo desta liña de subvencións. En concreto, segundo informa a Xunta, a Asociación Cultural San Bartolomeu de Botos foi un dos máis de 100 beneficiarios da última convocatoria e recibiu 10.000 euros para mellorar a contorna deste templo situado na Vía da Prata. 

A próxima orde de axudas publicarase esta próxima semana e terá un orzamento de 1,5 millóns, fronte aos 1,2 millóns da anterior convocatoria, co obxectivo de seguir "traballando na mellora dos trazados" neste Xacobeo 2021-22. 

Neste contexto, o vicepresidente primeiro destacado o "compromiso" da Xunta para actuar nas rutas, na contorna e nas infraestruturas do Camiño de Santiago e que estea "todo preparado" para os turistas e peregrinos que visiten Galicia cando pase a pandemia da covid-19 e se recupere a mobilidade. 

Entre as obras de restauración subvencionadas atópanse elementos etnográficos, vivendas e espazos agrarios, así como traballos de naturalización e embelecemento do trazado. Outros bens que poden optar ás axudas son fontes, lavadoiros, hórreos, valados e peches, entre máis elementos tradicionais. 

As axudas financiarán ata o 75% dos investimentos e constarán de dúas categorías: a primeira, destinada a concellos polos que pasa algún dos camiños, cun máximo de 15.000 euros; e a segunda, dirixida a persoas físicas e xurídicas privadas, con ata 10.000.

O TEU XACOBEO EN PONTEVEDRA. Por outra banda, a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, anunciou este sábado que actividades da provincia veranse beneficiadas na segunda edición do programa O Teu Xacobeo

En total, son sete propostas municipais dos concellos de Cambados, Vilagarcía de Arousa, Silleda, Vila de Cruces, Mondariz, Tui e Oia, ademais de ducias de actos e eventos promovidos por asociacións e empresas en toda a provincia. 

Na liña 1 das axudas O Teu Xacobeo, destinadas a entidades locais mancomunidades, consorcios e deputacións, os sete proxectos da área territorial de Pontevedra terán unha investimento conxunto de máis de 92.000 euros. En concreto, son as iniciativas Albariño no Camiño, de Cambados; Os Cesteiros, de Mondariz; Cidade do Libro 2021, de Vilagarcía; Unha ollada ao Camiño Portugués polos Peregrinos e Audiohistorias do Camiño, de Tui; Trasdeza pinta o Camiño, de Silleda; Gres no Camiño, de Vila de Cruces; e 6x6 Punto de Encontro O Arrabal: o Mar tamén ten Amores, de Oia. 

En canto ás liñas 2 e 3, é dicir, as dirixidas as empresas e as entidades sen ánimo de lucro, hai 38 proxectos que afectan a máis dunha provincia (27) ou a toda Galicia (11). 

Comentarios