A Xunta publica o martes a lista de zonas de alta incidencia para que os viaxeiros dean datos

Son os territorios cunha incidencia do coronavirus 3,5 veces superior á de Galicia
Viajeros en un aeropuerto. EFE/Enric Fontcuberta
photo_camera Viaxeiros nun aeroporto. EFE

A Xunta publica este martes a listaxe de países e zonas de alta incidencia de coronavirus co obxectivo de que os viaxeiros procedentes destes lugares que cheguen a Galicia comuniquen con carácter obrigatorio os seus datos de contacto. Á espera da lista, a Consellería de Sanidade avanzou que a medida afectará a quen chegue á comunidade tras estar nos 14 días anteriores en territorios que teñan unha incidencia epidemiolóxica 3,5 veces superior á de Galicia

Segundo fontes do departamento autonómico, a orde publícase este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG), despois de que a medida fose avanzada o pasado xoves polo presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, tras o Consello da Xunta. 

Os viaxeiros que cheguen a Galicia procedentes de zonas de alta incidencia de coronavirus, xa sexa doutras comunidades autónomas ou do estranxeiro, deberán notificar "con carácter obrigatorio" os seus datos de contacto e tempo de estancia. Terán que facelo a través do teléfono de atención do coronavirus (881 00 20 21) ou da web (coronavirus.sergas.gal) nun prazo máximo de 24 horas desde a súa chegada. O listaxe renovarase quincenalmente. 

Sanidade destaca que Galicia é a segunda comunidade con menor incidencia acumulada de coronavirus nos últimos 14 días, de acordo cos datos do Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade. 

Pola súa banda, os establecementos de aloxamento turístico estarán obrigados a informar desta medida aos seus clientes, do mesmo xeito que as axencias de viaxe, operadores turísticos e compañías de transporte aéreo, marítimo ou terrestre. Tamén deberán facelo as empresas que trasladen a Galicia traballadores por motivos laborais. A todos os viaxeiros facilitaráselles un contacto por se teñen algún síntoma.

Comentarios