A Xunta propón a alcaldes e sindicatos de Ferrolterra converter a comarca en polo enerxético

Conde inicia contactos para avanzar nun Pacto de Estado por Ferrol no que sumar a todas as administracións
O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantén un encontro con alcaldes de Ferrolterra, Eume e Ortegal para o deseño das bases dun Pacto de Estado por Ferrol.
photo_camera Reunión de Conde con alcaldes de Ferrolterra, Eume e Ortegal. XUNTA

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, propuxo a alcaldes e representantes sindicais das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal converter estes territorios nun polo a través dos recursos e capacidades desta zona. 

Así llelo trasladou este luns en encontros con rexedores e con responsables sindicais do norte da provincia da Coruña. En ambas as reunións, co obxectivo de deseñar as bases dun Pacto de Estado por Ferrol, a Xunta suxeriu aos asistentes facer desas comarcas un polo enerxético, aproveitando "a existencia de man de obra cualificada, un tecido industrial con empresas que poderían exercer un efecto tractor e a presenza de industria auxiliar diversificada". 

Dita iniciativa, segundo a Xunta, sería unha oportunidade para avanzar na transición ecolóxica e a transformación industrial que se promove baixo o contexto dos fondos europeos Next Generation a través da produción de biocombustibles, o impulso do gas natural licuado (GNL) como fonte enerxética e o desenvolvemento de hidróxeno verde e enerxías renovables.

A Xunta advirte do impacto da situación de Navantia, a central das Pontes e a planta de Siemens Gamesa

En ambos os encontros, Francisco Conde apelou á unidade de acción e á implicación de todas as administracións e axentes a través dun Pacto de Estado que coordine todas as políticas necesarias baixo un mesmo criterio: ofrecer respostas claras e definitivas ás necesidades de Ferrolterra. 

Desde o Goberno galego advirten de que a situación industrial da zona é preocupante, dada a falta de carga de traballo —en polo menos o próximo ano— no estaleiro público de Navantia Ferrol, ao que hai que sumar os peches da central térmica das Pontes e da planta de Siemens Gamesa nas Somozas, e a "incerteza" no sector electrointensivo. 

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, reclamou a construción dun hub de eólica mariña nas costas destas comarcas, así como a dixitalización do estaleiro de Navantia coa execución ao mesmo tempo dun dique cuberto e un clúster da defensa. 

Comentarios