A Xunta presenta alegacións á orde que inclúe ao lobo na listaxe de protección

A consulta pública está aberta ata este venres e anima a toda a sociedade a mostrar o rexeitamento 
Un lobo. AEP
photo_camera Un lobo. AEP

A Xunta presentou as súas alegacións en contra do proxecto de orde ministerial co que o Goberno pretende incluír a todas as poboacións de lobo de España no listado de especies silvestres en réxime de protección especial. 

No marco do procedemento de consulta pública previa a devandita orde, o Goberno autonómico expón o seu rexeitamento "absoluto" ante unha medida que considera "inxustificada, innecesaria e inoportuna", polo que solicita ao estado que desista da súa tramitación. 

"A oportunidade deste cambio na catalogación actual do lobo xustifícase por parte do ministerio para que esta ferramenta (a listaxe) se manteña actualizada coa mellor información científica dispoñible, en cumprimento dos acordos adoptados na comisión estatal para o patrimonio natural e a biodiversidade celebrada o pasado 4 de febreiro", sinala a Consellería de Medio Ambiente nun comunicado. 

Respecto diso, no escrito rexistrado este mércores, a Xunta argumenta que esta afirmación "non pode sosterse tendo en conta que a posición das comunidades ante os dous órganos nos que están representadas a efectos de consulta (comité de flora e fauna silvestres e comisión estatal para o patrimonio natural e a biodiversidade) foi sempre contraria á inclusión, por carecer de base científica e de toda xustificación da necesidade dunha protección adicional do lobo ao norte do Douro, con respecto á que xa está vixente". 

O departamento autonómico lembra que o obxectivo da orde ministerial impulsada polo ministerio é modificar o anexo do decreto para o desenvolvemento da listaxe e do catálogo español de especies ameazadas. 

Na actualidade, na listaxe só están incluídos de oficio polo ministerio os exemplares de lobo ibérico localizados ao sur do río Douro, pero se devandita orde sae aprobada, incorporaranse todas as poboacións españolas de 'canis lupus'. 

"Esta inclusión dificultaría moito, na práctica, a xestión da especie que veñen realizando nos últimos anos as comunidades loberas por excelencia (Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, que concentran o 95% dos exemplares de lobo de todo o país). 

A Xunta argumenta tamén que "hai garantías de que a explotación realizada sobre esta especie na comunidade galega foi e é compatible co mantemento da mesma nun estado de conservación favorable", algo que, critica, o ministerio "pretende agora alterar".

CABANA GANDEIRA . No escrito, tamén fai fincapé noutro factor "crave": a "conflitividade" do lobo co ser humano asociada aos danos que causa sobre a cabana gandeira. 

Neste sentido, subliña que nos últimos anos constatouse un incremento "significativo" dos danos e a "problemática social asociada á especie podería derivar en problemas de conservación a longo prazo". Por iso, indica, recibe "unha atención especial" por parte da administración autonómica a través do plan de xestión específico do lobo. 

O proceso de consulta pública estará aberto ata este venres, polo que a Xunta anima a toda a sociedade a participar co fin de sumar "o maior número de apoios" ao rexeitamento da inclusión de todas as poboacións españolas de lobo nesta listaxe. 

 

Ribera avoga por un mecanismo solvente para o lobo, a sociedade e as institucións
A vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, avogou este mércores por un mecanismo "solvente" para o lobo e a sociedade, con natureza "predicible" para institucións e gandeiros.

Ribera respondeu así durante a sesión de control ao Goberno á interpelación urxente presentada polo deputado Isidro Martínez, do Grupo Parlamentario Mixto (GPM), sobre o proxecto de Orde do Ministerio para incluír a todas as poboacións de lobo ibérico na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial, o que implica que deixará de ser considerada especie cinexética. 

Neste sentido, Ribeira afirmou que "non se trata dunha decisión illada nin dun capricho", xa que nace da "necesidade de abordar os problemas non resoltos de convivencia entre gandería extensiva e lobo".

Esta decisión, recordou, conta co aval do criterio científico que require agora traballo para lograr "o mellor consenso social e asegurar a mellor xestión posible" e cuxa aprobación está en trámite, pois se rexe por un procedemento extenso e que estamos a levar á práctica con rigor".

Segundo Ribera, "atopámonos na fase de información pública previa" e, a partir das alegacións recibidas, "elaboraremos unha orde ministerial que será sometida de novo a información pública e remitida ao Consello de Estado para o seu informe".

Comentarios