A Xunta porá en marcha en 2021 un plan de choque para o reforzo do turismo

Incluirá un seguro covid para turistas que poidan contaxiarse, incentivos ao consumo ou apoio para creación de paquetes turísticos
Alfonso Rueda. JAVIER CERVERA
photo_camera Alfonso Rueda. JAVIER CERVERA

A Xunta porá en marcha o próximo ano un plan de choque para o reforzo do sector turístico que estará dotado con 35,7 millóns de euros e que incluirá, entre outras medidas, un seguro covid para turistas que poidan contraer a enfermidade, incentivos ao consumo ou apoio para a creación de paquetes turísticos atractivos no contexto da pandemia. 

Así o anunciou este xoves o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, durante unha comparecencia no Parlamento galego para dar conta das medidas postas en marcha pola Administración autonómica para facer fronte á crise sanitaria do coronavirus, así como para paliar as súas consecuencias económicas e sociais. 

Así, avanzou que o Goberno galego porá en marcha o próximo ano un Plan de choque para o reforzo do sector turístico que inclúe, entre outras medidas, o seguro de coronavirus, que cubrirá os custos sanitarios, de transporte e aloxamento que se deriven do posible contaxio de covid-19 dun viaxeiro e do seu acompañante. 

Ademais, neste plan inclúense outras actuacións de incentivos ao consumo, como a renovación do Bono Turístico, con 6 millóns de euros; a reedición do programa de promoción do turismo interno Elixe Galicia, con 1,3 millóns de euros; ou a creación dunha nova liña de apoio para o fomento da cooperación entre operadores de turismo co obxectivo de que cren paquetes turísticos atractivos no contexto da pandemia, dotada con 1,2 millóns de euros. 

A Xunta lanzou un Plan de rescate para os sectores máis afectados pola pandemia, dotado con 84 millóns de euros

Este plan cubrirá, no caso de ser precisas, axudas directas e específicas ao sector da hostalaría, ademais de multiplicar case por tres o investimento da liña de axudas orientadas a mellorar os aloxamentos e restaurantes galegos, que pasa de 1,5 a 3,5 millóns de euros, explicou Rueda.

AXUDAS AOS SECTORES AFECTADOS. Por outra banda, Alfonso Rueda reivindicou as medidas de apoio postas en marcha para axudar a empresas e autónomos a superar as consecuencias da covid-19, especialmente no relacionado con sectores "paralizados", como a hostalaría. 

En concreto, lembrou, a Xunta lanzou un Plan de rescate para os sectores máis afectados pola pandemia, dotado con 84 millóns de euros, que inclúe tres liñas de axudas, para autónomos, para microempresas e autónomos con empregados e para o sector hostaleiro pechado por mor das restricións. Estas tres liñas, indicou Rueda, recibiron máis de 37.000 solicitudes. 

Estas axudas compleméntanse cunha nova liña de préstamos directos para autónomos e pequenas empresas con problemas de liquidez, dotada con 10 millóns de euros. Ademais, no caso concreto da hostalaría, está activa unha convocatoria de 3 millóns de euros para financiar a adaptación de terrazas e a adquisición de elementos de envasado de comida e bebida. Ademais, existe un Plan específico dirixido ao lecer nocturno, lanzado hai semanas para axudar a este sector. 

A maiores, Alfonso Rueda mencionou apoios para outros sectores, como o transporte público, co novo pago, hai dúas semanas, de 20 millóns de euros para evitar a quebra das empresas; o campo marítimo-pesqueiro, co Plan Avantemar de reactivación, dotado con 77 millóns; ou aos produtores de planta ornamental, flor cortada, carne de vacún e viño.

En concreto, no ámbito da educación, Alfonso Rueda indicou que se están investindo 162 millóns para atender as necesidades xeradas polo coronavirus

ADAPTACIÓN DA REALIDADE. Durante a súa comparecencia, o vicepresidente primeiro da Xunta puxo en valor o traballo realizado en Galicia para adaptar e reforzar distintos servizos públicos ao contexto da covid-19. 

En concreto, no ámbito da educación, Alfonso Rueda indicou que se están investindo 162 millóns para atender as necesidades xeradas polo coronavirus, ademais de medidas como o Plan de ensino virtual no caso de que sexa necesario paralizar a docencia presencial ou a realización de PCR a estudantes. 

Ademais, a Xunta implementou un plan para axilizar a actividade xudicial e fomentar a súa virtualización; traballa na coordinación das forzas e corpos de seguridade a través das reunións semanais da Sacop (Sala de Coordinación Operativa); reforzou os operativos da Policía autonómica, que xa realizou máis de 57.000 actuacións específicas desde o inicio da pandemia; e implantou un convenio de colaboración cos concellos para a tramitación dos seus procedementos sancionadores, ao que xa se adheriron 33 entidades locais. 

No ámbito sanitario, o vicepresidente primeiro lembrou medidas como o segundo cribado xeneral de todo o persoal que traballa en centros sanitarios; o acordo sindical para o Plan de continxencia, que permitirá 1.200 contratacións de entre 6 meses ou un ano; ou o aumento na frecuencia de probas ao persoal de centros sociosanitarios, que se realiza agora semanalmente. 

Alfonso Rueda reivindicou o poder que terá durante o próximo ano para a revitalización do sector turístico a celebración do Xacobeo 21

Ademais, os orzamentos para 2021 en materia de sanidade recollen 115 millóns de euros para manter os contratos de reforzo e facer fronte ás novas necesidades; 45 millóns para EPI en atención primaria e hospitalaria; ou un incremento de máis de 18 millóns de euros para as partidas de laboratorio.

XACOBEO. De volta á materia turística, Alfonso Rueda reivindicou o poder que terá durante o próximo ano para a revitalización do sector turístico a celebración do Xacobeo 21, polo que instou a "aproveitalo desde o primeiro momento". 

Para iso, a Xunta prepara unha campaña de "promoción intelixente" que se ira adaptando á evolución da pandemia e "moitísimas actividades" distribuídas polo territorio galego. 

Ao mesmo tempo, explicou, o Goberno galego está "a deseñar a planificación turística do futuro da man dos profesionais e dos expertos", unha folla de ruta que marcará as prioridades para o próximos tres anos. 

Para esta tarefa, e para as restantes relacionadas coa covid-19, dixo Rueda, a Xunta "non pode estar soa", polo que reclamou unha maior implicación do Goberno central. Entre outras cousas, considerou que "non ten sentido" que o Xacobeo 21 "non teña ningunha previsión orzamentaria" nas contas xerais do Estado de 2021. 

Comentarios