A Xunta ofertará 2.064 prazas en Educación na convocatoria de 2019

O Goberno galego ofrecerá 14 prazas máis que na súa última convocatoria de 2018

Oposiciones. AEP
photo_camera Oposicións do Sergas. AEP

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidades, José Manuel Pinal, presentou este martes a oferta pública de emprego elaborada (OPE) pola Xunta en educación para o ano 2019, que consta de 2.064 prazas docentes repartidas en 35 especialidades.

Pinal detallou esta proposta este martes pola mañá ante a mesa sectorial de ensino non universitario e explicou que o obxectivo desta oferta é "avanzar na diminución da interinidade" dos docentes, que en Galicia -apuntou- xa é a máis baixa de todo o Estado. Así pois, o Goberno galego ofrecerá 14 prazas máis que na súa última convocatoria de 2018, o que converte a esta OPE na máis ampla da última década.

A previsión da Xunta é que a convocatoria da mesma salga no Diario Oficial de Galicia durante o primeiro trimestre do ano e, posteriormente, que as probas se realicen ao finalizar o curso académico.

Prazas por especialidade
Das 2.064 prazas ofertadas, 1.110 corresponden a profesores de Secundaria, 770 a mestres, 138 a docentes de formación profesional, 30 ás escolas de idiomas e 16 a ensinos musicais e artísticos.

O número de prazas iniciais foi aumentado para atender as peticións dos membros da comisión de seguimento do acordo alcanzado polo Goberno galego para a estabilización do emprego público.

Como novidade, esta convocatoria inclúe por primeira vez a especialidade de profesores en portugués para a etapa de Secundaria, da cal se ofertarán catro prazas en total para cumprir co estipulado na lei de Valentín Paz Andrade sobre as relacións coa lusofonía.

Comentarios