A Xunta lanzará en xuño unha "potente campaña" de promoción do Xacobeo

A iniciativa, para "relanzar o sector turístico", terá un investimento de 8 millóns
09,30 h.-        O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitará a rodaxe do spot da campaña do Xacobeo 21-22 Camiña a Galicia. 


foto xoán crespo
04/05/2021
photo_camera Rueda e Castro na rodaxe do anuncio do Xacobeo. XUNTA

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este martes a rodaxe dun anuncio sobre o Xacobeo 21-22 Camiño a Galicia, que se enmarca nunha "potente campaña de promoción" que o Goberno galego prevé impulsar o próximo mes para "relanzar o sector turístico" cando "a situación sanitaria permita recuperar a mobilidade". A iniciativa conta cun investimento global de 8 millóns de euros

A película promocional desenvolverá sete microhistorias en diferentes lugares do Camiño, tanto nas rutas máis coñecidas como noutras paraxes paralelas de ámbito turístico, e fará unha antoloxía tanto dos diferentes perfís de peregrinos como do patrimonio natural, cultural e arquitectónico que se pode admirar na ruta. 

Alfonso Rueda, que estivo na rodaxe xunto á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, avanzou que a previsión é lanzar a campaña dentro dun mes, coincidindo coa "posibilidade real de facer o Camiño" tras un ano de pandemia e restricións de mobilidade. Así mesmo, destacou os valores que se promoven nela, xa que "a novo xeito de viaxar vai ter que ver co contacto coa natureza e cos espazos abertos e non masificados, e todo iso está no Camiño de Santiago". 

Esta medida de promoción —inicialmente ideada para comezos de ano, pero que a situación sanitaria obrigou a aprazar— enmárcase nos esforzos da Xunta para construír "o mellor dos xacobeos posibles", un Ano Santo dobre que, cre, "suporá o motor da reactivación do turismo galego e da economía da comunidade".

OUTRAS MEDIDAS. O Goberno autonómico incidió nos últimos meses no fomento da mensaxe de Galicia como destino seguro, dando a coñecer a comunidade como "un destino de calidade e confiable co obxectivo de recuperar a confianza dos viaxeiros en canto sexa posible maior mobilidade". 

Para iso, puxéronse en marcha distintas actuacións, como medidas de protección anticovid-19 en albergues e no conxunto de establecementos turísticos, así como o seguro coronavirus, dotado con 1,2 millóns de euros, co que se cubrirán os gastos sanitarios dos viaxeiros ante un caso de infección ou de corentena por ser contactos estreitos. 

Paralelamente, o vicepresidente reiterou o compromiso da Administración autonómica no apoio ao sector, afectado pola pandemia, con medidas como Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, coa que se prevé inxectar 6,8 millóns de euros ao turismo galego. 

Ademais, co programa Elixe Galicia, que se reactivará a finais deste mes, mobilizaranse outros 3 millóns de euros, neste caso mediante viaxes fóra de tempada alta dirixidos a distintos colectivos.

Comentarios