A Xunta sobe un 90% as súas axudas para previr danos da fauna silvestre

A liña de subvencións, dotada con 906.000 euros, cubrirá por primeira vez os gastos de manutención dos cans que protexen o gando
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Un momento da visita de Belén do Campo a Guntín. XESÚS PONTE

A Xunta cifra nun 90 por cento o incremento do orzamento destinado ás axudas autonómicas para a prevención dos danos que causa a fauna silvestre. Esta liña de subvencións, á que se consígnan 906.000 euros, cubrirá este ano, por primeira vez, os gastos de manutención dos cans que protexen o gando dos ataques do lobo.

Así figura na orde publicada onte no DOG pola que se convocan estas axudas para evitar ou polo menos minimizar os prexuízos que causan o lobo, o xabaril e o oso nas explotacións agrícolas e gandeiras. O mesmo día en que se oficializaba no boletín ese apoio, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, achegouse a Guntín para informar desta nova convocatoria desde unha granxa ovina de San Salvador de Castelo que se beneficiou da anterior.

Do Campo, que estivo acompañada pola rexedora guntinesa, María José Gómez, destacou entre as novidades que, dentro da liña de prevención de danos ocasionados polo lobo, considérase actuación subvencionable a manutención de cans protectores do gando. Neste sentido, resaltou "o esforzo do Goberno galego para dispoñer maiores recursos nesta liña", que recibe 600.000 euros, case un 60% do orzamento total, "tendo en conta a incerteza xurídica provocada pola orde do Goberno central que incrementou a protección da especie".

A directora xeral fixo fincapé tamén en que nesta convocatoria se volven establecer axudas para adquirir os cans, subvencionándose ata un máximo de tres por explotación (antes o tope era de dous), a adquisición de pastores eléctricos, peches móbiles de malla electrificada e a instalación de valos. Sobre esas últimas estruturas, indicou que se verán incrementadas as axudas para a súa colocación, con topes de 1.750 e 4.500 euros, en función de se son fixos electrificados ou fixos con malla metálica.

Doutra banda, a liña de prevención de danos do xabaril conta cun orzamento de 286.438 euros, que se destinarán á adquisición de pastores eléctricos, e a do oso recibe un total de 20.000.

O prazo para que os interesados nestas axudas presenten as súas solicitudes ábrese este venres e abarcará un mes. Poderán pedilas aquelas persoas e entidades que exercen a actividade agraria e que estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e as explotacións agrarias destinadas ao autoconsumo, no caso de danos provocados polo xabaril. No caso do lobo ou o oso, as explotacións deben estar inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia (Rega).

Do Campo recordou, para rematar, que estas axudas á prevención complementan as convocadas en decembro para paliar os danos que provocan estas especies ao sector agrogandeiro, por un importe global de 2,15 millóns de euros.

Comentarios