A Xunta confirma que as fogueiras de San Xoán estarán prohibidas en espazos públicos

Tampouco permitirá que os concellos organicen lumes en localizacións privadas
San Xoán. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera San Xoán. VITORIA RODRÍGUEZ

As fogueiras de San Xoán non poderán celebrarse en Galicia en espazos públicos, segundo confirmou este xoves a Xunta.

"Non están permitidas as festas, verbenas e eventos populares, xa que estamos en pandemia", dixo Sanidade nunha mensaxe difundida aos medios de comunicación no que explica que "supoñen un risco de aglomeración e polo tanto un risco para a saúde pública".

Será de aplicación a orde do 10 de xuño, segundo a cal se permite a celebración de fogueiras en espazos privados cun máximo de 15 persoas, agás se son convivientes, nese caso poderase superar esa cifra, tal e como comunicou a Federación Galega de Municipios e Provincias aos alcaldes da comunidade.

A incerteza respecto de se estaban ou non permitidas as fogueiras durante a noite do 23 de xuño xurdiu despois de que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciase en rolda de prensa que na cidade non habería este ano fogueiras porque o prohibe a Xunta.

"Nós quereriamos celebralas pero non podemos. 'Por que' Pois porque a Xunta de Galicia prohibe as fogueiras de San Xoán", dixo o alcalde, quen compareceu con dous artigos publicados por senllos xornais nos que se recollen unhas declaracións do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nas que o pasado 31 de maio afirmaba que as fogueiras se poderían celebrar.

Nun primeiro momento a Xunta matizou as declaracións de Caballero para afirmar que "Sanidade permite facer fogueiras", o que "non permite é que as organicen os concellos, pero si particulares ou unha agrupación", respectando sempre o cumprimento das normas anticovid como facer uso das máscaras ou manter a distancia de seguridade.

Ante a dúbida de onde se poderían entón celebrar esas fogueiras e con canta xente, a Xunta finalmente explicou que non poderán ter lugar en espazos públicos e si en espazos privados pero con limitacións.

Para Caballero, que sinalou que Vigo ten unha das menores incidencias acumuladas de Europa, trátase, pois, dunha prohibición da autoridade sanitaria á que Vigo está obrigada a atender a pesar de que a el, segundo manifestou, gustaríalle que este ano si houbese fogueiras aínda que fosen "en formato reducido" e con control.

Comentarios