A Xunta axudará no reforzo de medios para garantir a seguridade nas praias

Os pequenos e medianos concellos poderán recibir apoio do Gobieno galego para o reforzo de persoal e material
Playa de Covas, el verano pasado. ÁLVEZ
photo_camera Praia de Covas, o verán pasado. ÁLVEZ

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego colaborará cos pequenos e medianos concellos da comunidade para apoialos nos gastos de persoal e medios adicionais aos que deberán facer fronte a consecuencia das medidas extraordinarias por causa do coronavirus.

O obxectivo desta liña de colaboración, sinalou, é "garantir un uso seguro das praias galegas durante este verán".

Alfonso Rueda explicou que, mediante convenios cos municipios, a Xunta participará no reforzo de normas e pautas organizativas, de seguridade e vixilancia e de limpeza e conservación ambiental dos areais para a contención e a prevención da pandemia.

Un dos apartados que poderán reforzar os concellos que se acollan a estas axudas é o reforzo de persoal para colaborar cos efectivos de socorrismo. Este persoal farase cargo de actuacións como a organización e vixilancia de accesos ás praias, o control de aforamentos ou da permanencia nos areais, así como traballos de limpeza.

RECOLLIDA DE RESIDUOS

Os concellos tamén poderán utilizar as axudas que anunciou a Xunta na adquisición de medios para a limpeza das praias e das súas instalacións comúns así como para a recollida de residuos. Un labor, recordou Alfonso Rueda, que "está a supor un gasto adicional cos condicionantes actuais debido ao coronavirus".

Outras actuacións ás que as entidades municipais poderán destinar as axudas do Goberno galego é a adquisición de elementos de sinalización ou balizamento, así como material de limpeza e desinfección para os areais.

O vicepresidente da Xunta incidiu na necesidade desta cooperación entre a Administración autonómica e os concellos para "contribuír á súa recuperación económica" tras a paralización da actividade pola Covid-19 e nun sector tan importante como o turístico.

USO SEGURO DAS PRAIAS

Por iso, engadiu, a colaboración entre o Goberno galego e as entidades locais é clave para "levar a cabo actuacións que redunden no benestar dos seus veciños, neste caso garantindo un uso seguro dos espazos públicos" e, en concreto, das praias, que constitúen un dos principais focos de atracción de turistas na época estival.

Nesta liña, salientou que na situación derivada da actual crise do coronavirus que esixe a posta en marcha de medidas extraordinarias, a cooperación institucional "é aínda máis relevante".

Comentarios