Xunta e CEG impulsan unha oferta de FP "conectada" ás necesidades empresariais

O conselleiro Román Rodríguez e o novo presidente da patronal reuníronse este venres
 
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reúnese co novo presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan M. Vieites.
photo_camera Reunión entre Román Rodríguez e Vieites. EP

A Xunta e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) van intensificar a súa colaboración co obxectivo de mellorar os ensinos de Formación Profesional e ofrecer unha oferta "innovadora" e "conectada" ás necesidades empresariais". 

Segundo informa a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a necesidade dunha mellor planificación e adaptación dos ciclos formativos á demanda dos sectores produtivos de Galicia foi abordada nunha reunión entre o seu titular, Román Rodríguez, e o novo presidente da CEG, Juan Vieites. 

Ambos, sinala, "coincidiron na importancia de colaborar na aposta por unha Formación Profesional de calidade, innovadora, conectada co territorio e en consonancia coas necesidades do tecido empresarial, o que facilitará a inserción laboral dos estudantes". 

Respecto diso, o conselleiro considerou fundamental "contar coa implicación do empresariado galego, como xa o leva facendo con proxectos que están a resultar de gran valor como é o caso da implantación da FP Dual, unha modalidade formativa que non sería posible se non fora polo compromiso das empresas, desde pemes ata multinacionais". 

Desde a Consellería destácase tamén que a FP galega leva experimentado un importante crecemento na última década tanto a nivel cuantitativo, cunha subida de máis do 50% no número de matriculados, como cualitativo, "apostando pola especialización a través do impulso dos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP), e a introdución da FP Dual". 

Neste sentido, a Xunta avanza a súa intención de seguir "apostando polo impulso destes ensinos profesionais que a día de hoxe son un modelo de referencia no conxunto do Estado". 

Outro dos temas abordados na reunión foi a situación actual de pandemia e a súa incidencia nas prácticas de formación en empresas. A este respecto, a Consellería recorda que xa abordou no seu momento unhas instrucións para o desenvolvemento da formaciónpráctica en empresa respectando os protocolos sanitarios. 

Comentarios