A Xunta avisa de que o pago de nóminas pode verse "condicionado" polo que debe o Estado

Asegura que a magnitude das transferencias pendentes, por 700 millóns, está "a empezar a condicionar moito" a actividade
La ministra de Hacienda, María Jesús Montero, durante su intervención en el Foro Cinco Dias, este martes. BALLESTEROS (EFE)
photo_camera A ministra de Hacienda, María Jesús Montero. BALLESTEROS (EFE)

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, advertiu este venres de que os 700 millóns de euros que o Estado debe á comunidade "poden condicionar", de xeito "moi inmediato", o pago das nóminas dos funcionarios a finais de ano. Neste sentido, asegurou que a "magnitude desta débeda" está "a empezar a condicionar moito" a actividade das comunidades, que se dedican a pagar "aos traballadores públicos" e aos "provedores", tanto de servizos como de produtos. 

Así mesmo, Martínez insistiu en que este condicionamento se está convertendo en algo "inmediato", xa que se os orzamentos non financeiros da Xunta son de ao "redor 9.750 millóns de euros", hai 530 que aínda non se recibiron e que supoñen unha "afectación moi grave" que se pode reflectir no pago de nóminas de funcionarios no último mes do ano. 

Ademais, o conselleiro sinalou que para resolver esta situación debe haber "vontade" e "iniciativa" por parte do Goberno central, que a pesar de estar en funcións "debe afrontar" unha realidade que coñece "desde hai máis dun ano" e "resolvela" canto antes. Ao mesmo tempo, subliñou que ese importe non é "ningún agasallo" do Executivo central á Administración autonómica, senón que pertence a Galicia polo cumprimento das regras fiscais e as entregas a contas de liquidación do ano 2017. 

Precisamente, o conselleiro de Facenda, a través dunha carta dirixida á ministra María Jesús Montero hai case dúas semanas, insistía en que Galicia "necesita con urxencia" estes fondos "para atender asuntos prioritarios en materia de servizos públicos, como sanidade, ensino ou servizos sociais". O presidente galego insistiu na reclamación esta mesma semana ante a titular de Hacienda.

Comentarios