A Xunta abre o prazo de reserva de praza en centros educativos adscritos evitando a Lei Celaá

Estenderase ata o 8 de febreiro e pode tramitarse cunha app. O adiantamento segue o criterio dos executivos autonómicos do PP
Un aula vacía. EUROPA PRESS
photo_camera Unha aula baleira. EUROPA PRESS

O prazo para reservar praza para o alumnado que termina etapa nun centro escolar e ten que pedila nun centro adscrito —ou que lle corresponde ao cambiar de fase de estudos— deu comezo este luns e estenderase ata o 8 de febreiro, inclusive. Un adianto fronte aos tempos habituais —o curso pasado comprenderon do 1 ao 17 de febreiro— que, do mesmo xeito que fixeron os outros executivos autonómicos encabezados polo PP —Madrid, Murcia, Andalucía e Castilla y León—, responde á intención da Xunta esquivar os efectos da entrada en vigor dentro dunha semana da Lomloe, a nova lei educativa do Goberno central, coñecida como Lei Celaá, entre eles os que incumben á elección de centro, público ou concertado. 

"Adiantar o procedemento permite ás familias dispoñer de máis tempo para formalizar as reservas de praza, e aos centros educativos ter máis marxe para completar os trámites administrativos", argumenta a Consellería de Educación no comunicado no que recorda a apertura do prazo segundo a orde publicada no Diario Oficial de Galicia o 22 de decembro. 

Pero a referencia política si a deixou no seu día o titular do departamento, Román Rodríguez, cando anunciou, a mediados de decembro, un adiantamento que, explicou, está contemplado nunha disposición transitoria da propia Lomloe. E, ao facer uso dela, a Xunta non realiza un "posicionamento ideolóxico", asegurou o conselleiro, senón que o seu obxectivo é "preservar a calidade, a equidade do sistema, xunto coa igualdade de oportunidades". 

O prazo para os alumnos que entren por primeira vez no sistema ou os que queiran cambiar de centro abarca do 1 ao 20 de marzo

Sexa como for, a decisión da Xunta cumpre coa proclamación do líder do PP, Pablo Casado, sobre que os gobernos autonómicos en mans do seu partido ían adiantar o prazo de inscrición para evitar que os afectase a Lei Celaá, a cal, entre outras cuestións, prioriza a educación de titularidade pública sobre a concertada ao suprimir o concepto de demanda "social", que permitía aumentar prazas en centros concertados ou incluso dar vía libre a concertos con novos centros aínda sen crear en función da demanda de matriculacións. 

A TRAVÉS DE APP. Este procedemento de admisión que abre prazo refírese, por exemplo, a alumnos que este curso terminen educación infantil e deban inscribirse en primaria ao carecer o seu colexio orixinal deste nivel de estudos ou a menores que conclúan a primaria e deban trasladarse a un instituto para comezar a Iso. 

Trátase dun adiantamento que non afecta a todo o alumnado galego. En canto aos alumnos que entran por primeira vez no sistema educativo —na maior parte a través de 4º de educación infantil— os prazos xerais de solicitude de admisión "mantéñense, como en anos anteriores, do 1 ao 20 de marzo, ambos inclusive". E o mesmo ocorre cos estudantes de infantil, primaria, Eso e bacharelato que queiran cambiar de centro escolar, sempre que haxa prazas dispoñibles. 

Os trámites poden realizarse de forma telemática coa aplicación ‘admisionalumnado', que permite cubrir a solicitude, marcando os criterios do baremo que se desexe que se valoren. Logo, poderase presentar ben presencialmente no centro, ben pola mesma app.

Comentarios