A Xunta abre expediente sancionador á CHMS polo baleirado de encoros

A Confederación acusa o Goberno galego de "mentir"
El embalse de Belesar, hace dos semanas. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera O encoro de Belesar, hai dúas semanas. MIGUEL PIÑEIRO

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abriu expediente sancionador á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) "pola súa responsabilidade no baleirado dalgúns dos encoros hidroeléctricos máis importantes desta conca", informa. Este organismo rexeita responsabilidades e acusa o Goberno galego de "mentir", ademais de remitirse a comunicacións realizadas á administración galega. 

Nun comunicado, a Consellería de Medio Ambiente explica que, como organismo competente en materia de protección da riqueza piscícola en Galicia, adopta esta decisión "ante a constatación de que a CHMS, máxima autoridade respecto ás actuacións hidráulicas que se executan na conca do Miño-Sil, obviar a súa responsabilidade ao non trasladar á Consellería a petición da autorización necesaria para protexer á poboación ictícola ante un posible baleirado". 

En concreto, sostén que este organismo, titular dos encoros e das concesións hidroeléctricas nesta conca, "non notificou formalmente en ningún momento á Xunta, a pesar de estar legalmente obrigada a facelo, a intención das empresas –eléctricas– de proceder ao baleirado dalgúns dos encoros que xestionan". 

"Actuaron sen esperar polas autorizacións preceptivas e oportunas por parte da Consellería, que nin sequera foi informada pola CHMS", indica o departamento autonómico, que apunta que o regulamento de ordenación da pesca fluvial en Galicia sinala como unha condición esencial para poder proceder ao baleirado dunha masa de auga que a concesionaria o deberá comunicar cunha antelación mínima dun mes ao órgano competente". 

"Carece de sentido que a CHMS pretenda facer unha interpretación interesada do regulamento, co único fin de desviar a atención da súa responsabilidade por incumprir a normativa vixente", engade tras o comunicado feito público este venres polo citado organismo no que sostén que "varios correos desmontan a manipulación da Xunta sobre a falta de información previa ao baleirado dos encoros ourensáns das Portas e Cenza".

POSTURA DA CHMS. "Estas comunicacións do descenso superior ao 80% de volume en Cenza e As Portas producíronse o 10 de xuño e o 12 de xullo, respectivamente, cumprindo a normativa autonómica de pesca fluvial", sosteñen desde a CHMS, organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco). 

"Estamos sorprendidos e indignados de que unha administración, que se presupón seria, amenta e manipule acerca da comunicación do baleirado, por baixo do 20%, dos encoros das Portas e Cenza". "Esta comunicación, da que varias conselleiras e o propio presidente din que non ter constancia, curiosamente, recibírona por partida dobre, máis concretamente, na Consellería de Medio Ambiente a través do seu servizo provincial en Ourense e da Consellería de Presidencia a través do 112 de Galicia", explica o seu presidente, José Antonio Quiroga. 

Por outra banda, insiste en que a comunicación efectuada pola empresa hidroeléctrica foi realizada cumprindo a normativa autonómica, Decreto 130/1997, de 14 de maio, polo que se aproba o regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. 

"Que obriga a comunicar e, ademais, faculta á Administración autonómica á vixilancia e, no seu caso, á adopción de medidas que garantan a protección e conservación da fauna acuática sempre que o volume de auga baleirado sexa maior que o 80% do volume máximo da masa de auga". "Este foi o caso dos encoros ourensáns de Cenza e As Portas", insiste. 
 

Comentarios