Xulgan a dúas persoas por vender a hospitais xel hidroalcohólico que mesturaban con augardente

Os procesados tiñan un "laboratorio clandestino" nunha nave avícola situada en Boiro

Audiencia Provincial de A Coruña. GOOGLE MAPS
photo_camera Audiencia Provincial da Coruña. GOOGLE MAPS

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, acollerá a próxima semana o xuízo contra dúas persoas acusadas de vender a hospitais xel hidroalcohólico que mesturaban con augardente

Segundo recolle o escrito de Fiscalía, os feitos remóntanse aos meses da pandemia cando os acusados "coñecendo a escaseza e demanda do produto puxéronse de acordo para aproveitarse desa situación".
 
Así, elaboraron un xel hidralcohólico, sen estar autorizados, co "ánimo de ilícito beneficio e con plena conciencia de que faltaban á verdade" no contido do produto.
 
Ademais, o xel carecía do mínimo exixible de etanol (70%) que os acusados substituían por augardente co consecuente perigo para a saúde dos usuarios do produto.

Nave en Boiro

Os procesados tiñan un "laboratorio clandestino" nunha nave avícola situada en Boiro na que fabricaban, etiquetaban e almacenaban o xel xa preparado para ser distribuído. 

Nas actuacións policiais de investigación interviñeron un total de 6.000 litros de xel e na nave avícola había uns 400 litros do mesmo produto. 

Por todo iso, están acusados dun delito de estafa en concurso coa falsidade en documento mercantil polo que solicitan a pena de cinco anos e medio de prisión e unha multa de 10 meses a razón de 10 euros de cota diaria. Tamén solicitan dous anos e nove meses de prisión por un delito de fabricación, almacenamento e comercialización de produtos sanitarios con risco potencial para a saúde das persoas. 

Comentarios