Xabier Pérez Igrexas encabeza a candidatura do BNG ao Concello de Vigo

A aposta de Miguel Anxo Fernández Lores por Salustiano Mato como candidato á alcaldía da cidade olívica finalmente non frutificou

Xabier P. Igrexas. BNG
photo_camera Xabier P. Igrexas. BNG

Xabier Pérez Igrexas foi elixido pola militancia do BNG de Vigo para encabezar a candidatura nacionalista ás eleccións municipais de 2019. A aposta de Miguel Anxo Fernández Lores por Salustiano Mato como candidato finalmente non frutificou.


Igrexas, quen agradeceu en primeiro lugar a confianza da militancia nacionalista nel depositada, afirmou que o obxectivo do BNG en Vigo é recuperar unha presenza determinante no concello de Vigo porque "o BNG sempre fixo avanzar o noso concello con coherencia, con políticas nacionalistas e de esquerdas e sempre ao servizo da veciñanza", afirmou.


Igrexas defendeu que o BNG traballará por unha "cidade como unha verdadeira comunidade, coas persoas no centro das políticas" e recalcou que o BNG situará o foco nos problemas e nas necesidades reais da veciñanza "para converter Vigo nunha cidade que xere oportunidades".

Igrexas agradeceu o traballo e dedicación do anterior candidato e actual responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero, “baixo cuxo liderádego o BNG recuperou en Vigo apoio social, afiliación e simpatizantes no último período que permiten encarar con novos folgos os vindeiro retos políticos”.


O propio Otero salientou de Igrexas que se trata dun “compañeiro con amplísimo coñecemento da vida municipal, colaborador coa prensa escrita e dixital, activista nos movementos sociais e sindicais da cidade” e unha persoa “coas ideas claras.

Comentarios