Vueling pon á venda un 17,4% máis de asentos en Galicia para a tempada de inverno

Componse de 19 rutas e estreará a nova liña A Coruña-Bilbao
Un avión de vueling. EP
photo_camera Un avión de vueling. EP

A aerolínea Vueling puxo á venda para a próxima tempada de inverno en Galicia, composta por 19 rutas, un 17,4% máis de asentos, e estreará a nova liña A Coruña-Bilbao. 

En total, segundo informou a compañía, sairán á venda máis de 710.000 asentos repartidos entre A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. 

No caso do aeroporto coruñés de Alvedro, destaca o aumento da oferta ata as 8 rutas, entre elas unha de nova creación que conectará a cidade herculina con Bilbao. Ademais, Vueling tamén ofertará un traxecto que estará operativo durante as festas de Nadal para unir A Coruña coa cidade de Málaga. 

Con iso, a oferta desta aerolínea na Coruña aumentará esta tempada un 17,3%, superando os 330.000 asentos. As rutas que gozan dun maior crecemento respecto da anterior tempada son Sevilla, cun 26% máis de capacidade e 39.600 asentos; e Barcelona, que supera os 170.000 asentos, crecendo un 15% en número de prazas. 

No caso de Santiago, Vueling ofertará durante a tempada de inverno 314.000 asentos, un 18,6% máis que no inverno anterior. Destaca o aumento de capacidade da conexión con Tenerife (Norte), que alcanza as 23.760 prazas, crecendo un 50%; así como as de Barcelona (155.904 prazas, un 33% máis), Málaga (30.960 prazas, un 32% máis) e Lanzarote (7.920 prazas, un 29% máis). 

Finalmente, no caso de Vigo, superaranse as 65.000 prazas dispoñibles, aumentando un 12,5% a capacidade da liña que opera cara a Barcelona.

Comentarios